A Xunta investirá 69.000€ na mellora de instalacións deportivas en Laxe, en Cabana de Bergantiños e na Laracha

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a piscina exterior descuberta no Cabo da Area que contará cunha axuda de 20.000 euros

Laxe (A Coruña), 2 de marzo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Laxe, José Luis Pérez, visitaron a piscina municipal descuberta no Cabo de Area na que a Xunta investirá 20.000 euros para levar a cabo melloras e adecuación das súas instalacións. En total, o Goberno galego investirá no 2021 máis de 69.000 euros en tres actuacións na comarca de Bergantiños-Costa da Morte para mellorar as súas instalacións deportivas en colaboración cos concellos. No caso de Cabana de Bergantiños levarase a cabo o arranxo dos vestiarios do pavillón deportivo cunha axuda de 24.000 euros e na Laracha diferentes melloras nos seus pavillóns cunha achega de 25.000 euros.

Trenor destacou que no caso concreto de Laxe a axuda da Xunta permitirá o arranxo e adecuación da zona de praia da piscina, a reposición e arranxo da instalación da iluminación exteriro, a reposición da porta traseira da caseta de instalacións, a substitución e reposición dos biombos de vidro que conforman o corta ventos na zona norte da instalacións, a reposición da base de ducha exterior e a substitución da reixa do desaugadoiro perimetral da piscina.

O representante do Goberno autonómico recalcou que “o obxectivo destas achegas é a de apoiar a práctica deportiva no concellos”. Segundo indicou Trenor “trátase de contribuír a potenciar o deporte, que ten un papel transcendental na sociedade para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.

Así, o delegado da Xunta tamén apuntou que “fomentar a actividade deportiva e os hábitos saudables cumpre unha importante tarefa na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade”.

Ademais, resaltou que estes proxectos contan “coa colaboración directa dos concellos que ademais de aportar unha porcentaxe do custe da obra son os encargados da redacción do proxecto e da execución da mesma”.

Imaxes relacionadas