A Xunta investirá 180.000 euros para reformar o centro sociocomunitario de Muros

As novas obras céntranse na renovación da cuberta, na mellora das carpinterías da planta baixa, na adaptación dos aseos para persoas con mobilidade reducida e na colocación dun novo sistema de calefacción

A Coruña, 2 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que a Xunta de Galicia investirá 180.000 euros para reformar o centro sociocomunitario de Muros. Durante a visita as instalacións, cuxo proxecto se atopa en fase de redacción, a representante do departamento autonómico estivo acompañada da alcaldesa do concello, Inés Monteagudo.

A conselleira de Política Social explicou que o obxectivo da Xunta é continuar traballando para mellorar polo servizos do concello de Muros. Nesta liña, recordou que nos últimos anos se fixeron diferentes melloras no inmoble por un importe de 60.000 euros, centradas na renovación e conservación das carpinterías interiores.

As novas obras que se proxectan céntranse na renovación da cuberta, na mellora das carpinterías da planta baixa, na adaptación dos aseos para persoas con mobilidade reducida e na colocación dun novo sistema de calefacción. Esta adecuación das instalacións procura “mellorar o confort de todos os maiores que acoden a este centro”, salientou a conselleira.

Fabiola García enmarcou estas obras “nunha aposta máis da Xunta de Galicia para continuar traballando no benestar das persoas maiores, que se sintan cómodas vivindo neste concello”.
 

Imaxes relacionadas