A Policía Autonómica en colaboración con Gardacostas comisa máis de 66 quilos de marisco nun control de furtivismo en Portonovo

Foi identificada unha persoa á que se lle levantou acta por infracción da Lei de Pesca e por resistencia e desobediencia á autoridade

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021

Axentes do Grupo de Investigación da Policía Autonómica de Pontevedra, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia, comisaron onte 66,2 quilos de peixe e marisco e levantaron acta de infracción contra unha persoa identificada nun control contra o furtivismo practicado no porto de Portonovo.

Nun dispositivo no devandito porto, no que os axentes levaban a cabo operacións de vixilancia, foi descuberta unha embarcación que extraía produtos pesqueiros de xeito irregular e que posteriormente foron cargados nun vehículo que emprendeu a marcha sen pasar pola lonxa.

Unha vez interceptado o vehículo inspeccionouse a mercadoría, entre a que había algo máis de 40 quilos de choco, máis de 10 quilos de centola e outros 10 de nécora ovada, e tamén polbo e outras especies intervidas.

No dispositivo foi identificada unha persoa á que se lle levantaron dúas actas, unha por infracción da Lei de Pesca de Galicia e outra por resistencia e desobediencia á autoridade.