A Xunta informa aos veciños da Falperra da proposta inicial do Plan de usos do novo centro de saúde de Santa Lucía

O delegado da Xunta destacou que despois do tempo perdido o Goberno galego quere pechar o antes posible os detalles pendentes do convenio para avanzar no proxecto o máis rápido posible

A Coruña, 2 de marzo de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá un encontro de traballo cos representantes da asociación de veciños da Falperra para explicar a proposta inicial para o novo centro de saúde no mercado de Santa Lucía. O Goberno autonómico construirá un novo centro en dúas alturas que contará cunha superficie aproximada de 1.600 metros cadrados.

Trenor trasladou aos veciños as posibilidades e os novos servizos que se prestarán co traslado ao novo edificio. Concretamente, destacou que na área médica pasarase de tres a seis consultas de medicina xeral, de dúas a catro consultas de enfermería e contará por primeira vez cunha consulta de matrona e cunha sala de educación maternal, un servizo que noN se prestaba no centro de saúde de Federico Tapia por falta de espazo. Ademais, tamén contará como novidade con salas e despachos para o traballador social, sala de toma de mostras, sala de espera, sala de técnica e unha sala polivalente.

O servizo de pediatría tamén mellorará considerablemente coas posibilidades do novo inmoble, as salas de consultas pasarán de unha a dúas e haberá por primeira vez unha sala de espera de pediatría con aseos propios.

Na área de administración, arquivo e servizos comúns contará con novos espazos que non existen no centro médico actual, concretamente, arquivo de historias clínicas, almacén de material, sala de caldeiras e sala de estar do persoal.

Trenor destacou o importante esforzo que realizará o Goberno galego con esta actuación e puxo en valor a paciencia que tivo para contar cun espazo adecuado que permitise acondicionar un novo centro de saúde cumprindo as condicións mínimas de calidade e cun funcionamento similar aos outros centros de saúde da cidade. Trenor informou que desde a Xunta solicitamos a prioridade máxima para esta actuación xa que o estado da infraestrutura de Federico Tapia e a falta de espazo constitúe un importante problema que dificulta o desenvolvemento da actividade asistencial nunhas condicións mínimas de calidade, xa que ao non dispoñer de espazos dificulta a realización de programas asistenciais específicos que se desenvolven noutros centros .

O delegado da Xunta insistiu en que “temos un longo camiño por diante que ten que empezar por pechar canto antes o convenio de colaboración entre Xunta e Concello, para licitar canto antes a redacción do proxecto e avanzar o máis rápido posible para facer realidade esta infraestrutura, porque estamos a falar dunha necesidade moi urxente para este barrio”. “Despois de todo o tempo perdido –recalcou- desde a Xunta non queremos perder nin un minuto máis do necesario e a nosa disposición é total para pechar os detalles pendentes do convenio a asinalo o antes posible”.

Trenor lamentou o tempo perdido e recalcou que os veciños levan anos esperando este novo edificio porque xa fai tempo que o centro de saúde de Federico Tapia, que ocupa unha superficie de 387 metros cadrados, se quedou pequeno para atender ao máis de 11.580 cidadáns aos que se lle da cobertura e asistencia médica.

Imaxes relacionadas