A conselleira do Mar visitou a patrulleira ‘Punta Seixo Branco’, unha das novas embarcacións coas que conta o Servizo de Gardacostas

A Xunta ultima a renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas que supón un investimento de 10 millóns de euros

Esta modernización inclúe cinco embarcacións, catro patrulleiras lixeiras que xa están en funcionamento no servizo e unha de altura que está en construción e que se prevé que este ano substitúa á ‘Paio Gómez Chariño’

A ‘Punta Seixo Branco’ é a patrulleira lixeira que se incorporou máis recentemente ao servizo e atraca nun pantalán que habilitou a Autoridade Portuaria da Coruña en Oza cun investimento de preto de 80.000 euros

Co plan de renovación parcial da frota de Gardacostas a Xunta busca mellorar a loita contra o furtivismo, optimizar as operacións de rescate e salvamento e avanzar na loita contra a contaminación mariña

No ano 2020, marcado polas circunstancias derivadas do coronavirus, os gardacostas requisaron en Galicia máis de 46.000 quilos de peixe e marisco e máis de 22.000 útiles

A Coruña, 2 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor o esforzo inversor de Galicia nos dous últimos anos para a renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas, que supón un investimento de 10 millóns de euros. Esta modernización inclúe cinco embarcacións, catro patrulleiras lixeiras que xa están en funcionamento no servizo e unha de altura que está en construción e que se prevé que este ano substitúa á Paio Gómez Chariño. Así o destacou a titular de Mar durante unha visita á embarcación Punta Seixo Branco, a última patrulleira lixeira en incorporarse ao servizo e que ten a súa base na Coruña.

A Punta Seixo Branco atraca nun pantalán que habilitou a Autoridade Portuaria da Coruña na dársena de Oza e que supuxo un investimento de preto de 80.000 euros. Conta cunha eslora de 17 metros, unha manga de 5 metros e un calado de 0,85 metros. Ademais entre as súas prestacións está acadar os 36 nós de velocidade máxima. As outras tres novas patrulleiras lixeiras entregadas previamente ao Servizo de Gardacostas e tamén en funcionamento son a Punta Promontoiro, con base en Celeiro, a Punta da Guía, con base en Vigo e a Punta Falcoeiro, con base en Ribeira.

Estas catro embarcacións, subliñou, supuxeron un investimento de máis de 3,5 millóns de euros e son aptas para realizar tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación mariña. Ademais, a renovación parcial da frota de Gardacostas complétase coa patrulleira de altura que está en construción e que foi adxudicada por preto de 6,5 millóns de euros, lembrou Rosa Quintana.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo subdirector xeral do servizo de Gardacostas, Lino Sexto, a conselleira engadiu que esta modernización da frota se complementa coa ampliación do cadro de persoal do organismo autonómico, que incorporou máis de 40 profesionais nos últimos anos para labores de inspección veterinaria e de loita contra o furtivismo, e coa renovación de máis dunha vintena de vehículos. A última destas, renovacións, recordou, realizouse hai uns días con catro novos todoterreo para labores de vixilancia, inspección e loita contra o furtivismo. Tamén para traballos que se realicen por terra en materia de busca e salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.

Deste xeito, expuxo Rosa Quintana, o Executivo galego busca mellorar a operatividade do Servizo de Gardacostas de Galicia, a loita contra o furtivismo, optimizar as operacións de rescate e salvamento e avanzar na loita contra a contaminación mariña. Nesta liña destacou que Galicia é a única comunidade que dispón dun servizo propio destas características e que pon os seus medios a disposición de Salvamento Marítimo do Estado. Ademais recoñeceu o labor clave que desempeña o persoal do servizo e agradeceu os seus esforzos para protexer o mar de Galicia, as súas persoas e recursos, especialmente nun contexto máis complexo marcado polas circunstancias derivadas do coronavirus.

Comisos e incautacións

Dentro deste labor de Gardacostas a titular de Mar salientou os esforzos realizados no ámbito da loita contra o furtivismo. Neste eido a actividade do servizo en Galicia no ano 2020 tivo como resultado o comiso de máis de 46.000 quilos de peixe e marisco e a incautación de máis de 22.000 útiles empregados para a actividade ilegal.

Estas cifras, especificou a conselleira, correspóndense cun exercicio no que as circunstancias son distintas ás dos anteriores. Nesta liña explicou que entre outros factores influíu o estado de alarma decretado polo coronavirus en marzo de 2020, que implicaba a obriga legal de confinamento, que foi vixiado polos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, e que disuadiu de forma importante a actividade furtiva.

A isto súmase, engadiu, o descenso da actividade profesional (tanto pesca como marisqueo) como consecuencia do peche da súa principal canle de comercialización (Horeca) ou coas restricións noutros ámbitos de control como a pesca recreativa e a propia restauración. A maiores hai que ter en conta, sinalou, que os controis por zonas van variando en función das necesidades e da planificación que segue o Servizo de Gardacostas de Galicia de controlar por áreas, épocas e especies de máis relevancia para optimizar a efectividade do seu labor.

Imaxes relacionadas