O Diario Oficial de Galicia publica o cambio de titularidade a prol do Concello de Cenlle da travesía de Trasariz, na que a Xunta investirá máis de 170.000 euros

O municipio asume o tramo antigo da N-120, de competencia autonómica, de xeito previo á licitación das obras de reforma da travesía

Executarase unha senda peonil ao longo de 450 metros de lonxitude que une este tramo antigo de vía co núcleo de Trasariz

As obras mellorarán a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida e acondicionarán o contorno da Casa do Concello

Coa transferencia, o Concello asume a conservación e mantemento e poderá actuar sobre esta vía de acordo coas súas características, onde non serán de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas

A Xunta segue a apostar pola mellora das infraestruturas e polo fomento dunha mobilidade a pé máis segura e sustentable, tamén nos municipios máis pequenos, contribuíndo á calidade de vida dos seus veciños

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a transferencia a prol do Concello de Cenlle dun treito antigo da N-120 denominado travesía de Trasariz, como paso previo á súa reforma, que se levará a cabo cun investimento autonómico de máis de 170.000 euros.

A transferencia desta estrada será efectiva desde mañá, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/CIM+DOG.

O Concello de Cenlle e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asinaron no mes de xaneiro un convenio de colaboración para executar as obras de humanización e o reforzo da seguridade neste antigo treito de titularidade autonómica, de preto de 450 metros de lonxitude, que conecta co núcleo de Trasariz.

Mediante este convenio, a Xunta asume o custo da execución das actuacións, mentres que o municipio ourensán asumiu o compromiso de aceptar, de xeito previo á licitación do contrato de obras, a titularidade deste treito antigo de titularidade autonómica.

As obras, que executará o Concello de Cenlle grazas ao convenio asinado coa Xunta, teñen por obxecto a construción dunha senda peonil, para favorecer o tránsito seguro dos veciños de Cenlle, ao tempo que se mellorará a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e se contribuirá a humanizar o contorno da Casa do Concello.

A actuación proxectada comprende a execución dun itinerario peonil nesta travesía, que non dispón actualmente de beirarrúas nin delimitación de carrís, pero conta cun ancho suficiente para poder construír a senda. A senda irá pavimentada e con bordo de formigón a ambos os dous lados, como separación co propio pavimento da travesía.

Nos traballos inclúese a instalación de tubos e sumidoiros para lograr a correcta drenaxe da escorrenta superficial e, tamén, xunto ao edificio do Concello, a execución dun muro de contención coa fin de lograr un maior espazo para dar cabida á senda. Ademais, renovarase a sinalización vertical e horizontal ao longo da travesía.

O Consello da Xunta autorizou o pasado día 18 de febreiro a transferencia da titularidade da estrada. Deste xeito, o Concello de Cenlle asumirá a conservación e mantemento e poderá actuar sobre esta vía de acordo coas súas características, sen ser de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos.

A Xunta continúa traballando a prol da mellora das infraestruturas e polo fomento dunha mobilidade a pé máis segura e sustentable, tamén nos municipios máis pequenos coma este de Cenlle, contribuíndo á calidade de vida dos seus veciños.