O Sergas inicia un ciclo de conferencias sobre benestar emocional dirixidas aos profesionais da sanidade

A iniciativa, á que están invitados os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas, enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na Pandemia da covid-19

As conferencias terán lugar dúas veces ao mes, entre marzo e xullo, e emitiranse en directo a través da canle de Youtube da Axencia de Coñecemento en Saúde

O ciclo iníciase mañá coa intervención de Alejandra Vallejo-Nágera, psicóloga e experta en estrés e ansiedade

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

O Servizo Galego de Saúde inicia mañá martes 2 de marzo un ciclo de conferencias para coidar o benestar emocional dos seus traballadores. Esta actividade esta enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na Pandemia da covid-19, posto en marcha pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. Están invitados a participar os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas.

As conferencias terán lugar as 18.30 da tarde do primeiro e o terceiro martes de cada mes, entre os meses de marzo e xullo. Vanse emitir en directo na canle de Youtube da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) a través da súa web https://acis.sergas.es/ Logo de ser emitidas quedarán gravadas e dispoñibles para todo o persoal do Servizo Galego de Saúde nunha sección específica na Aula virtual de ACIS.

A primeira ponente será Alejandra Vallejo-Nágera, psicóloga e experta en estrés e ansiedade, que impartirá a conferencia "Controla o estrés antes de que te controle a ti".

Entre outros temas, o día 16 de marzo, en colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia falarase do tema "Aprendendo a coidarnos"; o 6 de abril será o momento do psicólogo Rafael Santandreu cun webinar sobre "Claves para a aprendizaxe da fortaleza emocional"; e o 20 de abril terá lugar a conferencia "Sistemas de regulación emocional", impartida coa colaboración do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.