A Xunta porá en marcha neste ano un centro de produción de medicamentos CAR-T, un dos eixos fundamentais do Goberno galego en materia de sanidade

O feito de desenvolver unha estratexia de medicina personalizada e terapia celular avanzada, e poñer en marcha un centro CAR-T, responde a un compromiso da Xunta coa sanidade

O conselleiro deu a coñecer a primeira das alianzas neste campo, a realizar co Hospital Clínic de Barcelona, centro pioneiro na investigación deste tipo de terapias

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

Galicia porá en marcha, ao longo de este ano, un centro de produción de medicamentos CAR-T, terapia celular avanzada, innovadora e personalizada que revolucionará o modo de tratar o cancro, e un dos eixes fundamentais do proxecto que o Executivo galego ten en materia de sanidade. Así o anunciou, na sede da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Grazas á súa alta eficacia, esta terapia ofrece esperanzas a pacientes que xa agotaron todas as vías de curación. Así, remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, en pacientes cun prognóstico de supervivencia que non superaba os seis meses, e para os que non existía ningunha alternativa terapéutica, acadouse a remisión total do cancro entre un 50 e un 80%.

O feito de desenvolver unha estratexia de medicina personalizada e terapia celular avanzada, e poñer en marcha un centro CAR-T, responde, -dixo García Comesaña-, a un compromiso da Xunta coa sanidade. Ademais, estamos a cumplir, -remarcou o conselleiro-, o mandato parlamentario do pasado mes de outubro, a este respecto.

García Comesaña agradeceu a todo o equipo de Asistencia Sanitaria do seu departamento, a Galaria, e a un dos hospitais do Sergas de referencia, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, moi especialmente ao seu servizo de Hematoloxía e Hemoterapia, que, tan so catro meses despois do acordo parlamentario, estanse a dar os primeiros pasos deste ambicioso proxecto.

Tres millóns de investimento

Tal e como incidiu o conselleiro, esta iniciativa require dun importante esforzo organizativo e económico e, a tal efecto, os orzamentos da Xunta para este ano destinan 3 millóns de euros á creación dun centro de fabricación de fármacos CAR-T.

O feito de que Galicia vaia contar cun centro de terapia avanzada CAR-T supón, -dixo o conselleiro-, que pasa a ser un centro de referencia na produción e investigación deste tipo de medicamentos, co que, “a nosa Comunidade, non só desenvolverá as liñas de investigación doutros centros nacionais, senón, que poderá crear os seus propios fármacos a partir das liñas de investigación que se leven a cabo en Galicia”. Ademais, poderase poñer o potencial dos investigadores galegos ao servizo de novas curas, non só de CAR-T, senón doutras inmunoterapias punteiras.

Tal e como remarcou o responsable da sanidade pública galega, a terapia CAR-T é un tratamento que vai supoñer un punto de inflexión na loita contra o cancro. Con ela, o sistema inmune do enfermo oncolóxico recupera a súa capacidade, primeiro de recoñecer a célula canceríxena para, despois, destruíla dun modo selectivo. Serán os mesmos linfocitos T do paciente, modificados xeneticamente, os que se convirtan en fármaco para atacar e acabar co tumor. Estamos pois, -subliñou o conselleiro-, “diante dun dos principais hitos da oncoloxía”.

Alianza co Hospital Clínic de Barcelona

No acto que tivo lugar na sede de ACIS, o conselleiro deu a coñecer a primeira das alianzas neste campo, a realizar co Hospital Clínic de Barcelona, pioneiro na investigación deste tipo de terapias. Este centro catalán identificou e desenvolveru unha liña de investigación que, agora, pon en mans de Galicia, para que o convirta en medicamento. Unha fórmula maxistral de curación que, -segundo explicou o conselleiro-, “a nosa comunidade autónoma a fará tanxible este mesmo ano para que chegue ao paciente”.

O acto contou coa presenza, así mesmo, do xerente do Sergas, José Flores Arias, así como do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas.

Imaxes relacionadas