Fernández-Tapias apela á responsabilidade e pide prudencia ante as imaxes desta fin de semana tras a flexibilización das restricións

A delegada territorial en Vigo xunto ao presidente en Asehospo, César Ballesteros, fixeron balance do cumprimento do Plan de Hostalería segura da Xunta

Informa que no marco dos controis para velar polo cumprimento das medidas de prevención ante a covid-19, axentes da Policía Autonómica despregaron 9 operativos nos que identificaron a 13 persoas e realizaron 45 inspeccións en Vigo

Segundo detallou, no caso da Policía Local tramitáronse case 138 propostas de sanción, das que 33 estiveron relacionadas con incumprimentos da hostalería

Vigo, 1 de marzo de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, apelou ao sentidiño e reclamou prudencia ante as imaxes desta fin de semana coincidindo coa flexibilización das restricións derivadas da covid-19. Así, emprazou a poboación a non deixarse levar polo “falso optimismo” dos datos e poder seguir consolidando a tendencia a baixa das últimas semanas.

Fernández-Tapias fixo balance xunto ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hospedaje de Pontevedra, César Ballesteros, do cumprimento do Plan de Hostalería segura da Xunta. E neste contexto, sinalou que a Xunta de Galicia segue a reforzar as visitas aos diferentes establecementos como centros comerciais, prazas de abasto, supermercados, instalacións deportivas, bares e restaurantes co fin de comprobar que se están a respectar as medidas sanitarias.

“O noso obxectivo fundamental é garantir o cumprimento das medidas, en especial do control da capacidade dos locais, as distancias de seguridade e uso de máscaras, entre outras actuacións que buscan diminuír a incidencia do virus”. Advertiu, para recordar que desde o próximo venres será obrigatorio contar cun cartel visible no exterior dos establecementos que informe da capacidade máxima do local e o aforo, tanto no interior coma no exterior segundo a normativa vixente. Tamén deberán facilitar o acceso aos clientes do código QR para que estes poidan rexistrar a súa presenza.

Asemade, lembrou que o Plan de Hostalería segura recolle, para facilitar o cumprimento do aforo sanitario e garantir as distancias de seguridade, que os establecementos deberán ter montadas as cadeiras e mesas que se correspondan coa capacidade do local en condicións normais e indicar con bandas e adhesivos aquelas que non se poden ocupar, segundo as porcentaxes máximas permitidas.

Por outra banda, Fernández-Tapias indicou que no marco dos controis policiais para velar polo cumprimento deste Plan de hostalería segura, para garantir o seguridade na reapertura progresiva do sector, axentes da Policía Autonómica despregaron na pasada fin de semana 9 operativos, nos que identificaron a 13 persoas por incumprir a normativa vixente e realizaron 45 inspeccións en Vigo.

No caso da Policía local, preguntada ao respecto, detallou que se tramitaron 138 actas de infracción, na súa maioría estiveron relacionadas co incumprimento do toque de queda, do uso de máscara, consumo de alcohol na vía pública e incumprimentos dos propios locais de hostalería. Estes últimos con 33 propostas de sanción.

Imaxes relacionadas