Este documento é o instrumento que serve para identificar, inventariar, clasificar e categorizar funcionalmente as vías das redes de cada Administración titular

A Xunta somete a información pública o catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia

Este catálogo clasifica as vías segundo a súa funcionalidade e fundaméntase na categoría dos núcleos urbanos ou centros de actividade aos que serve, a súa relación coa ordenación do territorio e o sistema de transporte

Dos algo máis de 5.515,98 km da rede autonómica de estradas, máis de 1.310 km pertencen á rede estruturante, uns 1.360,37 á rede complementaria e 2.845 á local

A clasificación implica maior protección do dominio público nas redes de maior xerarquía, onde a liña límite de edificación establécese en 15m para as estradas convencionais, e rebaixarase a 7m para a rede local coa aprobación do documento

O DOG publica hoxe o anuncio de inicio deste procedemento mediante o que os interesados poderán formular observacións ata o vindeiro 15 de abril

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o catálogo de estradas da rede autonómica de estrada de Galicia.

De acordo co recollido no anuncio do DOG, o artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que os catálogos de estradas son os instrumentos públicos que serven para identificar, inventariar, clasificar e, se for o caso, categorizar funcionalmente as estradas das redes de cada Administración titular.

O catálogo que se somete a información pública contén a clasificación técnica das estradas da rede autonómica, a súa identificación e denominación, os puntos inicial e final de cada un dos treitos que a constitúen e a súa respectiva lonxitude, así como a súa representación gráfica.

Este catálogo categoriza funcionalmente as estradas da rede autonómica de Galicia en: rede estruturante, rede complementaria e rede local, fundamentándose esta división na categoría dos núcleos urbanos ou centros de actividade aos que serve, así como na función que desempeñe en relación coa ordenación do territorio e o sistema de transporte.

É importante sinalar que a categorización funcional responde a unha lóxica territorial, por isto se apoia na xerarquía que as Directrices de Ordenación do Territorio establecen para os núcleos de poboación galegos, e do que se trata é de que a rede estruturante, apoiada na rede do Estado e na complementaria, permita completar itinerarios entre poboacións. Por isto, se pode dar a circunstancia de que unha mesma estrada poida contar con treitos de distintas categorías funcionais.

A rede estruturante está formada polos grandes eixes autonómicos que, xunto coa rede de estradas do Estado, vertebran o territorio, o conectan con Portugal, Asturias e Castela e León e relacionan entre si os espazos urbanos, os nodos do sistema urbano intermedio, establecidos nas Directrices de Ordenación do Territorio, así como os aeroportos e portos de interese xeral do Estado.

A rede complementaria está formada polas estradas autonómicas que, xunto coa rede de estradas do Estado e a rede estruturante, conectan os nodos para o equilibrio do territorio. Ademais, as que constitúan o principal acceso aos principais parques empresariais, ás estacións de ferrocarril de alta velocidade, cando non se acceda a través doutras estradas.

A rede local está formada por todas as estradas autonómicas non incluídas na rede de estradas do Estado, na rede estruturante ou na rede complementaria.

Así, dos 5.515,98 quilómetros da rede autonómica de estradas, 1.310,57 quilómetros pertencen á rede estruturante; 1.360,37 á rede complementaria e 2.845,04 á rede local.

Esta clasificación funcional implica tamén que é precisa unha maior protección do dominio público viario no caso das redes de maior xerarquía, e que se pode reducir no caso da rede local. Así, a liña límite de edificación, establecida en 15 metros no caso de estradas convencionais, rebaixarase a 7 metros para a rede local unha vez se aprobe o catálogo de estradas que agora se somete a información pública.

Todos os interesados poderán formular observacións durante un período de 30 días hábiles, contados a partir de mañá, é dicir ata o 15 de abril. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://xurl.es/DOG+Cat%E1logo .

Imaxes relacionadas