A directora xeral da Agader, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, visitou hoxe a zona na que se actuará ao abeiro dun proxecto senlleiro asinado co consistorio

A Xunta rehabilitará o muíño de río dos Fernández pola súa importancia etnográfica no municipio de Bóveda

A actuación -que contará cunha axuda de 40.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural- enmárcase na posta en valor do conxunto etnográfico do núcleo do Souto

Para esta posta en valor, a Agader cofinanciou outra axuda de 28.373 euros ao abeiro da medida Leader, que tamén contribuirá á mellora da contorna da piscina municipal actuando no Camiño do Souto e na Ponte de Bóveda

A maiores, investíronse preto de 50.000 euros para impulsar o consumo dos produtos agroalimentarios locais, así como para acondicionar os locais sociais desta localidade lucense

Bóveda (Lugo), 1 de marzo de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, visitou hoxe a zona onde se vai levar a cabo o proxecto senlleiro “Rehabilitación do muíño dos Fernández”, cunha subvención de 40.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural. Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, a directora xeral sinalou que a actuación se enmarca nos traballos de posta en valor do conxunto etnográfico do núcleo do Souto, que está executando o Concello e que tamén contan con apoio da Agader.

En concreto, os traballos de rehabilitación do muíño dos Fernández están proxectados para finalizarse neste ano 2021. Pola súa contorna e situación a medio camiño entre a Ribeira Sacra e as montañas do Courel, este muíño conta cunha serie de peculiaridades especiais que son as que impulsan a súa recuperación como elemento do patrimonio cultural nunha área de importante valor natural.

Cabe sinalar que os muíños de río son un dos compoñentes etnográficos máis identificativos da paisaxe rural de Galicia, como construcións vinculadas coa vida agraria e pola súa importancia para garantir o desenvolvemento económico das zonas nas que se asentaban. Así, os muíños de río non só exerceron no seu día de fábricas de fariña para facer posible a elaboración do pan, senón que destacan pola súa arquitectura e funcionamento, polos usos e costumes vinculados a eles, polo seu patrimonio inmaterial e polo seu papel económico e social nas comunidades agrarias.

Cómpre lembrar que os proxectos senlleiros impulsados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural perseguen mellorar os espazos do medio rural, así como o nivel de vida da súa poboación incrementando a oferta de ocio, deporte, cultura ou calquera outro servizo básico á súa disposición. Tamén buscan promover a vida en comunidade nos núcleos rurais e mellorar a organización do territorio mediante a valorización de distintas infraestruturas, así como potenciar e poñer en valor elementos da identidade colectiva que sirvan para o recoñecemento e vinculación dos veciños co lugar onde residen.

Mediante estes convenios de colaboración asinados cos concellos galegos, non só se busca recuperar e poñer en valor elementos do patrimonio natural, cultural e etnográfico senón, ao tempo, xerar riqueza e emprego, elementos claves para fixar poboación no rural.

Medida Leader

Cómpre engadir que para a posta en valor do conxunto etnográfico do Souto -onde se sitúa o muíño dos Fernández- a Agader cofinancia outra axuda de 28.373 euros ao abeiro da medida Leader, que busca incidir na rehabilitación desta contorna tradicional pero tamén na mellora dos arredores da piscina municipal. Así, esta segunda actuación consistirá en rozar o Camiño do Souto, en consolidar muros e pavimento e en recompoñer algunha parte da calzada. Así mesmo, na Ponte de Bóveda, reporase a estrutura mediante vigas co obxectivo de asentala e consolidar os arcos e a base da ponte, ademais de instalar unha varanda de protección.

A maiores, a Xunta cofinanciou outras tres achegas no marco do programa Leader para sufragar distintos proxectos que se levaron a cabo no concello de Bóveda nos últimos anos. O que recibiu unha maior subvención -34.227 euros- foi o acondicionamento de parte das instalacións da nave da feira de Rubián, para habilitar un espazo destinado á presentación, venda e demostración de elaboración de produtos locais, no marco dos mercados que se celebran cada mes. Nesa liña, cabe mencionar a importancia do sector cárnico neste municipio, co que as empresas poden aproveitar estas instalacións para levar a cabo xornadas técnicas e de divulgación da elaboración e degustación dos seus produtos.

Así mesmo, outras dúas subvencións que superaron os 14.000 euros permitiron dotar aos distintos locais sociais de Bóveda de sistemas de eficiencia enerxética e de medios audiovisuais, para impulsar un maior aproveitamento dos centros por parte dos veciños.

Todas estas achegas xestionáronse a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel (GDR 6).

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural