A Xunta mellorará a área recreativa de Ponte Aranga no marco da zona de especial conservación do Betanzos-Mandeo

Os traballos -que contarán cunha subvención de 40.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural- incidirán na humanización dunha contorna declarada tamén como zona de especial protección polos seus valores naturais

Ponte Aranga dispón de rutas e áreas vinculadas ao río Mandeo de grande atractivo paisaxístico e turístico tanto para os veciños como para os visitantes
 

Aranga (A Coruña), 1 de marzo de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, visitou hoxe a zona onde se levará a cabo o proxecto senlleiro "Humanización da área recreativa de Ponte Aranga", que contará cun investimento de 40.000 euros por parte da Consellería do Medio Rural. Acompañada polo alcalde de Aranga, Alberto Platas, a directora xeral destacou que os traballos de acondicionamento incidirán nunha contorna que forma parte da zona de especial conservación do Betanzos-Mandeo -dentro da Rede Natura 2000 de Galicia- e que tamén foi declarada como zona de especial protección polos seus valores naturais.

Situada ao carón da casa do concello, a área recreativa de Ponte Aranga conta con rutas e áreas vinculadas ao río Mandeo de altos valores naturais, paisaxísticos e turísticos, concibidas tanto para mellorar a calidade de vida dos veciños como para atraer un bo número de visitantes. Así, os interesados poden desprazarse a esta paraxe simplemente para gozar da natureza ou tamén para a práctica de actividades deportivas e de lecer, nunha área de influencia que traspasa o propio concello.

Nesa liña, cabe sinalar que Betanzos-Mandeo é un espazo protexido galego que abrangue 1.020 hectáreas dos concellos coruñeses de Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Paderne e Oza-Cesuras. Acolle boa parte do río Mandeo e tamén o río Mendo, rexión onde se conservan as tradicionais fragas de ribeira e as marismas na desembocadura do río, na ría de Betanzos.

Os traballos de acondicionamento da área recreativa de Ponte Aranga que financiará a Agader están proxectados para finalizarse neste ano 2021.

Proxectos senlleiros

Cómpre lembrar que os proxectos senlleiros impulsados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural perseguen mellorar os espazos do medio rural, así como o nivel de vida da súa poboación incrementando a oferta de ocio, deporte, cultura ou calquera outro servizo básico á súa disposición. Tamén buscan promover a vida en comunidade nos núcleos rurais e mellorar a estrutura do territorio mediante a valorización de distintas infraestruturas, así como potenciar e poñer en valor elementos da identidade colectiva que sirvan para o recoñecemento e vinculación dos veciños co lugar onde residen.

Mediante estes convenios de colaboración asinados cos concellos galegos, non só se busca recuperar e poñer en valor elementos do patrimonio natural, cultural e etnográfico senón, ao tempo, xerar riqueza e emprego, elementos claves para fixar poboación no rural.
 

Imaxes relacionadas