Luis López estréase na presidencia da Comisión Territorial da Xunta en Pontevedra, que se centrou na loita contra a covid-19, os cronogramas de vacinación e o 2º Plan de rescate

Pontevedra, 1 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, incorporouse esta mañá á Comisión Territorial, que se celebra mensualmente, tras a súa toma de posesión o pasado 12 de febreiro e presidiu unha sesión centrada principalmente nas medidas de loita contra a covid-19, os cronogramas de vacinación e o 2º Plan de Rescate nos 47 concellos da área.

A convocatoria, que contou coa presenza de todos os xefes territoriais, analizou polo miúdo a incidencia da pandemia de xeito transversal coas cifras e medidas dos departamentos de Sanidade, Educación e Política Social, que revelou que a situación das residencias é óptima tras acadar a inmunización de usuarios e traballadores tras completarse o proceso de vacinación.

Así mesmo, tamén se analizaron as medidas de apertura e desescalada tras superar o pico da terceira vaga da covid-19, con especial fincapé na situación da hostalería e as iniciativas postas en marcha para a súa reactivación segura, e se advertiu do inicio do período medio de risco de lumes forestais, por parte de Medio Rural, coa chegada do mes de marzo.

O delegado territorial, Luis López, valorou moi positivamente a comisión, “xa que serviu para engraxar aínda máis o funcionamento de todos os departamentos, analizar toda a casuística que se produce nos 47 municipios da área e adoptar medidas transversais, sobre todo para seguir facendo fronte á crise sanitaria, que sempre dixen que sería a miña absoluta prioridade ata que estea completamente superada”.

Imaxes relacionadas