A Xunta publica as guías de ordenación produtiva cos usos máis idóneos para oito aldeas modelo situadas nas provincias de Lugo e de Ourense

Trátase das aldeas de Moreda (Folgoso do Courel), Xacebáns (Quintela de Leirado), Infesta (Monterrei), Muimenta (Carballeda de Avia), Penedo (Boborás), Trelle (Toén), Reboredo (O Pereiro de Aguiar) e Meixide (A Veiga)

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas modelo poden consultar as guías nos taboleiros de anuncios dos concellos pertinentes ou na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)

Poderán realizar as achegas que consideren oportunas no prazo dun mes a contar dende mañá
 

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se someten a información pública os borradores de guías de ordenación produtiva de oito aldeas modelo situadas nas provincias de Lugo e de Ourense. En concreto, das aldeas de Moreda (Folgoso do Courel), Xacebáns (Quintela de Leirado), Infesta (Monterrei), Muimenta (Carballeda de Avia), Penedo (Boborás), Trelle (Toén), Reboredo (O Pereiro de Aguiar) e Meixide (A Veiga).

Cómpre apuntar que estas guías de ordenación produtiva se configuran como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

Así, no caso da aldea modelo de Moreda, no concello lucense de Folgoso do Courel, apóstase principalmente polo aproveitamento gandeiro en extensivo coa apicultura como actividade complementaria, sen desbotar, como orientación secundaria, o cultivo do castiñeiro e da oliveira, en zonas moi determinadas sen masas de frondosas consolidadas.

Xa na provincia de Ourense, no caso da aldea de Infesta, en Monterrei, debúllanse como posibilidades -segundo a zona- a gandaría en extensivo e os cultivos hortícolas, así como a plantación de vides, oliveiras ou árbores froiteiras. Mentres, na aldea modelo de Meixide, na Veiga, sinálase o aproveitamento gandeiro en extensivo como opción principal, mentres o cultivo de castiñeiro para a obtención de castaña combinado coa apicultura aparece como secundario.

No caso de Muimenta, en Carballeda de Avia, establécense como posibles usos a gandaría en extensivo, así como o cultivo de viñas, producións hortícolas, oliveiras ou froiteiras, xa máis preto do núcleo rural. Pola súa parte, en Penedo (Boborás), alúdese á gandaría en extensivo e ao cultivo de produtos de horta, cereal e froiteiras. A maiores, e como uso secundario dependendo da zona, menciónase a plantación de castiñeiros para a obtención de froito.

Nas tres últimas aldeas modelo -Reboredo, no Pereiro de Aguiar; Trelle, en Toén e Xacebáns, en Quintela de Leirado- apóstase pola gandaría en extensivo como uso principal e pola plantación de castiñeiros para a produción de castaña como uso secundario. No caso de Reboredo, engádense como opcións o cultivo de cebada, centeo ou oliveiras dependendo da zona, mentres en Trelle se alude ás árbores froiteiras.

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas oito aldeas modelos deben ter conta que estes borradores de guías de ordenación produtiva se someten a información pública polo prazo dun mes a contar dende mañá, tempo durante o que poderán realizar as achegas e alegacións que consideren oportunas. Estas guías poden consultarse tanto nos taboleiros de anuncios dos concellos nos que se sitúen as aldeas modelo como na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) (https://agader.xunta.gal/gl/banco-de-terras/aldeas-modelo/). De xeito presencial, os interesados en obter toda a información poderán achegarse ás dependencias da Agader (lugar da Barcia, nº 56, Laraño, Santiago de Compostela), de luns a venres, das 9,00 ás 14,00 horas, logo de solicitar cita previa no número de teléfono 881 997 193.


Enlace ao anuncio no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210301/AnuncioO90-160221-0001_gl.html
 

Imaxes relacionadas