A Xunta formaliza a adxudicación dunha parcela de máis de 2.500 metros cadrados na Plisan ao grupo tecnolóxico Arbinova

Esta empresa foi unha das tres adxudicatarias da poxa pública convocada polo IGVS en 2019 para sacar ao mercado solo nesta gran área empresarial

Ponteareas (Pontevedra), 1 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca asinaron esta mañá co grupo tecnolóxico Arbinova SL as escrituras polas que se lle adxudica formalmente a esta empresa unha parcela de 2.570,9 m2 na Plataforma Loxístico Empresarial de Salvaterra de Miño-As Neves (Plisan). En concreto, a firma accederá ao solo en dereito de superficie con opción a compra por un prazo de 30 anos, sen prexuízo da posible concesión de ata tres prórrogas.

Arbinova, que traballa no deseño e fabricación innovadora de implantes e instrumental específico para o sector veterinario, foi unha das tres empresas que resultou adxudicataria no proceso de poxa pública convocado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en 2019 para sacar parte da superficie da Plisan ao mercado.

A adxudicación realizouse en dereito de superficie, unha modalidade que permite ás empresas acceder ao solo a cambio do pago cada ano dunha cantidade reducida por metro cadrado, o que lles facilita financiar a súa instalación e o inicio da actividade. En concreto, o canon anual a abonar equivale ao 1,5% do prezo da parcela durante os dous primeiros anos, ao 2,5% nos anos terceiro e cuarto, e ao 3,5% do prezo a partir do quinto ano.

En todo caso, os adxudicatarios teñen tamén a opción de adquirir a propiedade da parcela en condicións vantaxosas nos anos seguintes á adxudicación, con dereito a bonificacións e descontando do prezo de venda unha porcentaxe das cantidades xa satisfeitas.

Cómpre lembrar que o Consello da Xunta aprobou recentemente a oferta de solo empresarial nos seus parques para este ano (1,4 millóns de m2 repartidos en 545 parcelas) así como o mantemento das bonificacións e incentivos que desde 2015 ofrece ás empresas para facilitarlles o acceso a esta superficie. A Xunta é partidaria de manter esas condicións vantaxosas tamén no caso da Plisan, para o que estuda con Zona Franca e o Porto de Vigo a fórmula concreta coa que se comercializarán este ano as parcelas aínda dispoñibles.

Imaxes relacionadas