O titular de Medio Rural, acompañado dos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Agader, mantivo un encontro telemático co rexedor

A Xunta e o Concello da Peroxa colaboran para potenciar a raza rubia galega e para a mellora de camiños municipais

O conselleiro lembrou que a comezos de ano se publicou unha nova orde de axudas para o fomento das razas autóctonas de Galicia, cun orzamento total de 200.000 euros

Dentro do Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o concello ten outorgada unha contía de algo máis de 52.000 euros
 

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza telemática co alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste concello ourensán. Acompañados polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, analizaron -entre outras cuestións- o potencial dos produtores da localidade, así como o estado dos camiños municipais.

Así, o conselleiro do Medio Rural trasladoulle ao rexedor da Peroxa o compromiso da Xunta co impulso da raza rubia galega, que beneficiará directamente aos gandeiros deste concello ourensán. Nesa liña, lembrou que a comezos de ano se publicou unha nova orde de axudas para o fomento das razas autóctonas da nosa comunidade, cun orzamento total de 200.000 euros.

En concreto, José González recalcou que estas achegas teñen como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén perseguen buscar unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas e pastos.

Noutra orde de cousas, a xuntanza serviu para tratar as melloras precisas en camiños municipais da Peroxa. Neste senso, os representantes de Medio Rural comprometéronse a avaliar os danos causados nas infraestruturas por mor das condicións meteorolóxicas adversas dos últimos meses.

Cabe sinalar que, dentro do Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o concello da Peroxa ten outorgada unha contía de algo máis de 52.000 euros, que se suman aos case 41.000 euros concedidos ao abeiro da anterior edición para o arranxo de distintas vías. En concreto, esta liña de achegas permite acondicionar os camiños que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais, contribuíndo á accesibilidade e vertebración do territorio, así como ao aumento da competitividade agraria e forestal.

Imaxes relacionadas