Gardacostas incorpora catro novos vehículos para labores de vixilancia, inspección e loita contra o furtivismo

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2021

O Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, incorporou esta semana catro novos vehículos á súa frota para labores de vixilancia, inspección e loita contra o furtivismo. Estas unidades todo terreo, que substituirán a outras catro que van ser retiradas do servizo, serán empregadas tamén para aqueles traballos que se realicen por terra en materia de busca e salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. Á recepción dos vehículos asistiu o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto.

Estas catro unidades serán repartidas polas bases operativas que ten o organismo dependente da Xunta por todo o litoral e permiten avanzar no proceso de modernización da súa frota. A incorporación destes vehículos complementa a renovación realizada tanto no ano 2018 como no 2019 de parte dos medios terrestres do Servizo de Gardacostas e que supuxo a posta en servizo de arredor dunha vintena de unidades que foron distribuídas entre as bases que o organismo ten na costa galega e os seus servizos centrais.
 

Imaxes relacionadas