A Xunta destaca a aposta do sector audiovisual galego por impulsar a súa transformación dixital a través dun proxecto co que agarda captar fondos europeos

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse con representantes do Clúster Audiovisual que lle presentaron a iniciativa ‘Spain Audiovisual Hub-Nodo Galicia’

O Goberno autonómico tamén agarda que as novidades que inclúe a nova Lei de reactivación aprobada esta semana no Parlamento contribúan ao desenvolvemento de novos proxectos por parte desta industria
 

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta semana con representantes do Clúster Audiovisual Galego, do que destacou a súa aposta por impulsar a transformación dixital do sector a través dun proxecto co que queren optar aos fondos europeos.

O Clúster presentou ao vicepresidente económico Spain Audiovisual Hub-Nodo Galicia, deseñado en colaboración cos clústeres de Navarra, Canarias, País Vasco e Cataluña e que, entre as iniciativas que inclúe no proxecto, propón a posta en marcha dun centro de computación audiovisual en Galicia para desenvolver as potencialidades do sector.

O vicepresidente subliñou que esta iniciativa aposta tanto pola transformación dixital como pola cohesión territorial, dous dos obxectivos que tamén están a buscar os proxectos da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation cos que Galicia busca impulsar a transición ecolóxica, xusta e dixital para así fortalecer o tecido empresarial galego, ademais de loitar contra o despoboamento.

Conde puxo en valor o labor do Clúster Audiovisual Galego que, integrado por 39 compañías, representa na Comunidade a un sector que dá emprego a 4500 persoas e que está colaborando a posicionar a marca Galicia, ao situarse entre as primeiras catro autonomías en xeración de contidos de toda España.

A Xunta tamén agarda que a Lei de reactivación económica, aprobada esta mesma semana no Parlamento galego, contribúa a que esta industria poida seguir desenvolvendo novos proxectos en Galicia. Neste sentido, o novo marco normativo, entre outras cuestións, permitirá axilizar os proxectos tractores que finalmente sexan elixidos para optar aos fondos europeos Next Generation, xa que serán considerados proxectos industriais estratéxicos para Galicia.
 

Imaxes relacionadas