A conselleira do Mar presidiu esta semana a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao

Galicia promove a posta en valor do oficio das redeiras a través da colaboración coa súa federación

A Federación O Peirao beneficiarase este ano de 13.000 euros a través de dous convenios para facer fronte a gastos derivados da súa actividade e para investimentos que contribúan a dar visibilidade a este colectivo

Un destes acordos, que se subscriben todos os anos, foi asinado esta semana por importe de 8.000 euros e é para cubrir gastos como a contratación de persoal ou arrendamentos

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2021

A Consellería do Mar colabora un ano máis coa Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao para promover o seu papel de representación deste colectivo. Con ese obxectivo, a entidade beneficiarase este ano de 13.000 euros en axudas a través de dous convenios para facer fronte a gastos derivados da súa actividade así como a investimentos que redunden na mellora da competitividade desta rama profesional.

Desa cantidade, 8.000 euros enmárcanse no convenio asinado esta semana pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, coa presidenta da federación de redeiras, Verónica Veres, nun acto que estivo presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Esta colaboración, que estará vixente ata o 31 de decembro deste ano, ten como finalidade financiar gastos que se produzan como consecuencia das actividades que desenvolva a federación. Neste sentido, son subvencionables a través do convenio os custos de contratación de persoal, amortizacións e outros gastos correntes como por exemplo arrendamentos, reparacións ou material de oficina.

Para o control do bo funcionamento do convenio crearase unha comisión de seguimento, composta por dous membros da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao e outros dous da dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

A esta colaboración sumarase este ano outra que está en tramitación por valor de 5.000 euros para fomentar a organización sectorial, dar visibilidade ao colectivo e mellorar a súa competitividade e que se centrará na elaboración dunha publicación para dar a coñecer o traballo das redeiras como parte fundamental das actividades do mar. Con ela buscarase promover a actividade de redeira coa finalidade de fomentar a remuda xeracional, achegar o seu labor á sociedade en xeral e impulsar o interese comunitario pola profesión para abrir novos nichos de negocio cos que diversificala cara a eidos como o turismo mariñeiro.

Imaxes relacionadas