A directora xeral de Saúde Pública deu traslado dos avances da campaña ao Comité Educativo

Preto de 15.000 profesores foron xa vacinados, nun proceso que se intensificará durante a fin de semana

Á espera de datos de vacinación efectiva, a resposta dos docentes á campaña supera o 90% nas súas primeiras xornadas

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia prevé rematar a vacinación do persoal docente menor de 55 anos de centros públicos na primeira semana de marzo. De feito, a día de hoxe, preto de 15.000 profesores xa foron vacinados, un proceso que se intensificará a fin de semana, polo que a previsión é acadar as 20.000 persoas vacinadas o domingo.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, deu hoxe traslado desta información aos membros do Comité Educativo, presidido polo conselleiro Román Rodríguez, aos que tamén informou de que, á espera de datos de vacinación efectiva, a adherencia á campaña superou o 90% nas súas primeiras xornadas.

Tras a vacinación deste primeiro grupo de prioridade, estase a deseñar a orde de vacinación do persoal docente do resto dos centros de ensino, así como do persoal non docente vencellado ao sistema educativo.

Por outra banda, no Comité Educativo informouse da habilitación dun correo electrónico e un teléfono de contacto para que, a través das direccións dos centros educativos, se informe á Xunta das posibles incidencias na campaña de vacinación, co fin de atendelas.

Imaxes relacionadas