A Xunta colabora co Concello de Covelo para a creación da primeira área de autocaravanas do municipio cunha axuda de 30.000 euros

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou a nova infraestrutura turística acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López

A actuación inxírese no marco das melloras sobre as infraestruturas turísticas no medio rural nas que a Xunta investiu 3,1 millóns de euros en 2020

Covelo (Pontevedra), 26 de febreiro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo, visitaron esta mañá as obras da recentemente creada área de estacionamento e servizos para autocaravanas de Covelo, ás que a Xunta achegou unha axuda de 30.000 euros.

Nava Castro puido ver o resultado dos traballos, que permitirán que o concello conte coa primeira área destinada a este tipo de turismo cada vez máis demandado polos viaxeiros.

A nova área de autocaravanas está situada moi preto do núcleo urbano de Covelo, entre a antiga Travesía de Vigo e a estrada PO-261 e conta con cinco prazas de estacionamento para autocaravanas, servizo de auga potable e depósitos para as augas negras e para depositar residuos. O espazo completouse coa plantación de bidueiros para ofrecer unha zona de sombra.

Durante a visita a directora de Turismo fixo fincapé na colaboración entre administracións para mellorar os servizos turísticos aos viaxeiros e destacou o bo traballo que está a realizar o concello de Covelo e a comarca do Condado Paradanta, a través de diferentes iniciativas coas que se busca fomentar un modelo turístico diversificado, con servizos orientados ás diferentes tipos de viaxeiro e ordenado, favorecendo a convivencia entre veciños e visitantes.

A provincia de Pontevedra conta na actualidade con máis de 30 espazos de estacionamento de autocaravanas, catro deles na comarca do Condado Paradanta, nos concellos de Arbo, As Neves, Mondariz e Salceda de Caselas aos que agora se suma o de Covelo.

Os traballos para a posta en marcha desta nova infraestrutura turística son froito dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o concello de Covelo no marco das melloras sobre as infraestruturas turísticas no medio rural nas que a Xunta investiu 3,1 millóns de euros en 2020. Un total de 140 concellos, 22 deles na provincia de Pontevedra, beneficiáronse desta liña de axudas, o que supuxo un investimento de case 860.000 euros na provincia dos que Turismo de Galicia achegou 534.000.

Imaxes relacionadas