A Xunta financia a modernización do campo de fútbol das Tornas cunha achega de 40.000€ para a creación dun novo edificio de vestiarios

O Concello de Oia benefíciase da Orde de axudas de infraestruturas de uso público do Goberno galego por terceiro ano consecutivo para construír un inmoble de case 80 m2 que prestará servizo ao Oiense, os veteráns, o fútbol base e outros torneos

O delegado territorial, Luis López, e a alcaldesa, Cristina Correa, supervisan esta actuación, que duplicará a superficie de vestiarios do estadio e dá continuidade ás melloras acometidas xa hai cinco anos, tamén financiadas pola Xunta
 

Oia, 26 de febreiro de 2021

A Xunta vén de financiar unha nova fase de mellora e modernización do Campo de Fútbol das Tornas, no Concello de Oia, consistente na construción dun novo edificio para vestiarios que dispuxo dunha achega autonómica de 40.000€ ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, achegáronse esta mañá ata esta instalación deportiva para supervisar esta actuación, que permitirá duplicar a actual superficie destinada a vestiarios e que dá continuidade ás melloras acometidas neste campo, hai xa cinco anos, con financiamento autonómico.

O proxecto, cuxas obras rematáronse recentemente, consistiron na creación dunha nova unidade construtiva, no espazo existente xunto ao gradarío, cunha superficie de case 80 m2 con dous vestiarios para equipos con preto de 30 metros e outro individual para os árbitros.

Deste xeito, o campo disporá de instalacións suficientes para os seus usuarios, xa que ata a data dispoñía dun inmoble con dous vestiarios grupais, dous para colexiados e outro con formato de aseo para persoas con discapacidade, pero facíanse escasos polo constante emprego do estadio, que habitualmente é utilizado polo Clube de Fútbol Oiense, equipos de veteráns, os cativos da escola de fútbol e, ocasionalmente, por parte de afeccionados, torneos amigables e acampamentos de verán.

“Cremos que é unha mellora máis que necesaria e que se enmarca no compromiso que temos dende a Xunta de Galicia co Concello de Oia, que leva tres anos consecutivos recibindo diferentes axudas da orde de infraestruturas de uso público cun investimento global de máis de 100.000€ que permitiu mellorar, ademais deste campo de fútbol, diferentes viais do municipio en zonas como Mavía, Oia, Viladesuso, Mougás ou Santa María”, detallou Luis López.
 

Imaxes relacionadas