A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe o avance dos traballos, cun investimento de 40 M€

Ethel Vázquez avanza que a Xunta porá o vindeiro ano á disposición dos veciños e das empresas de Cambre, Oleiros e Sada a prolongación da Vía Ártabra, xa certificada ao 40%

Vázquez Mourelle subliña que a continuación desde a N-VI á AC-221 e a conexión coa AP-9 é actualmente para a Xunta a vía de maior complexidade e investimento

Sinala que os 4 km de prolongación acurtan nun terzo a viaxe á Coruña, reforzando a competitividade das áreas industriais de Iñás, Bergondo e do Espírito Santo

Fai fincapé en que esta intervención lle dará plena funcionalidade aos 10 km de Vía Ártabra xa en servizo grazas a un investimento autonómico de 70 M€

Agarda contar coa necesaria autorización do Ministerio de Transportes para conectar a Vía Ártabra coa AP-9, autoestrada de titularidade estatal

Destaca que a Vía Ártabra, a diferencia da AP-9, é unha autovía libre de peaxe financiada con máis de 40 M€ a cargo dos Orzamentos da Comunidade Autónoma

Salienta que a Xunta seguirá a “dar a batalla polo tren a Langosteira, aínda que sexa en solitario”, instando ao Goberno de España á licitación inmediata da conexión ferroviaria para apuntalar o futuro do tecido produtivo, da cidade e a área
 

Oleiros (A Coruña), 26 de febreiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que a prolongación da Vía Ártabra estará o vindeiro ano á disposición dos veciños, dos traballadores e das empresas de Cambre, Oleiros e Sada.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe esta actuación, que xa está certificada case ao 40%.

Subliñou que a continuación da Vía Ártabra desde a N-VI, primeiro ata a estrada AC-221, e sobre todo, ata a súa conexión coa AP-9, é a infraestrutura viaria máis complexa e con maior investimento que está a executar actualmente a Xunta.

Fixo fincapé en que esta intervención permitirá darlle plena funcionalidade aos 10 km de Vía Ártabra que hoxe percorren preto de 5.000 vehículos ao día tras o investimento autonómico de 70 M€ .

Explicou que os case 4 km de prolongación, aos que se suma 1,1 km máis de conexión co Polígono do Espírito Santo, mellorarán a conexión dos municipios de Sada, Cambre e Oleiros co eixe Atlántico e coa cidade da Coruña.

Apuntou que estas obras dotan esta área dunha vía de altas prestacións alternativa á conxestionada N-VI e aumentan a seguridade viaria e a comodidade para os condutores.

Ademais, o proxecto acurta nun terzo o tempo de viaxe coa cidade da Coruña, achegando competitividade ás áreas industriais de Iñás, Bergondo e do Espírito Santo e mellorando a calidade de vida.

Características técnicas

Trátase dunha infraestrutura complexa que ten un dos puntos máis importantes na conexión coa N-VI, precisando dun enlace con 3 niveis con ramais de saída e entrada, onde xa avanzaron os traballos, que se atopan actualmente nas marxes da estrada nacional.

Tamén se acometeu o despexe do terreo, as demolicións ou o movemento de terras no tronco da autovía e se repuxeron parcialmente os servizos afectados de saneamento, abastecemento e iluminación en Sada e Oleiros.

A conselleira puxo en valor o traballo do persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas por acometer esta obra desde un profundo respecto ao territorio e aos veciños aos que vai prestar servizo.

Precisou que a Xunta está a executar a infraestrutura de acordo co previsto no Plan sectorial viario da Coruña aprobado no ano 2004, cun trazado aprobado no ano 2009 polo Goberno bipartito e que licitou e adxudicou o actual Goberno galego.

Fixo fincapé no obxectivo de acometer as obras desde a máxima sensibilidade coa poboación beneficiaria e lembrou que en atención ás inquedanzas do Concello de Cambre se impulsou unha modificación do proxecto para protexer aínda máis os valores ambientais e o contorno do río Gándara.

Ethel Vázquez detallou, ademais, que hai uns días rematou o proceso de información pública desa modificación, polo que xa se están a analizar as alegacións recibidas para logo incorporar as achegas necesarias.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade tamén se referiu ao obxectivo de conectar esta Vía Ártabra coa AP-9, para o que a Xunta agarda contar coa autorización do Ministerio de Transportes, titular desa infraestrutura e responsable da decisión sobre as peaxes desa autoestrada.

Destacou que a Vía Ártabra, a diferencia da AP-9, é unha autovía libre de peaxe, que a Xunta constrúe e financia con máis de 40 millóns de euros a cargo dos Orzamentos da Comunidade autónoma para non implantar peaxes aos usuarios das novas infraestruturas.

Ethel Vázquez puxo esta vía como exemplo da política de infraestruturas da Xunta, un camiño para mellorar a calidade de vida, a seguridade viaria e a competitividade da área da Coruña.

A Xunta seguirá a “dar a batalla polo tren a Langosteira”

Nesa liña de reforzar as oportunidades e o desenvolvemento desta contorna, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade volveu instar ao Goberno de España á licitación inmediata das obras da conexión ferroviaria do Porto Exterior, do que dependen a viabilidade e o futuro do Porto, do tecido produtivo e da cidade.

Ethel Vázquez salientou que a Xunta seguirá a “dar a batalla polo tren a Langosteira, aínda que sexa en solitario”, xa que se trata, non só dunha necesidade económica senón tamén social, unha obra necesaria para a construción urbana da cidade da Coruña, para a seguridade dos seus cidadáns e para a súa calidade de vida.

Concluíu que é deber dos responsables públicos galegos defender os lexítimos intereses de Galicia, os lexítimos intereses da área e os lexítimos intereses da cidade da Coruña, como está a facer a Xunta.
 

Imaxes relacionadas