O delegado territorial da Xunta en Ourense reúnese co alcalde de Pereiro de Aguiar

Gabriel Alén fixo balance das recentes inversións da Xunta de Galicia neste concello destacando as achegas da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de 40.000 euros para a creación e adecentamento de varios parques infantís

Ourense, 26 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, continúa coa súa rolda de encontros institucionais tras tomar posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial.

Nesta ocasión, mantivo por videoconferencia unha reunión co alcalde de Pereiro de Aguiar, Luís Menor, na que analizaron as principais demandas deste municipio en relación á administración autonómica. En concreto, o rexedor trasladoulle ao delegado territorial unha información más polo miúdo do Plan de Sendas e a posibilidade de contar máis axudas para desenvolver novos proxectos culturais.

Pola súa banda, o delegado fixo balance das recentes inversións da Xunta de Galicia neste concello, destacando as achegas da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de 40.000 euros para a creación e adecentamento de varios parques infantís; a da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para mellorar o equipamento dos locais utilizados na realización de actividades culturais, e a actividade “Un Camiño imaxinado” dentro do programa O teu Xacobeo, que entre ámbolos dous superan os 21.000 euros.

Gabriel Alén tamén lle lembrou a aportación da Consellería do Medio Rural, a través do Plan de Infraestruturas Rurais, de case 48.000 euros para acondicionar o camiño de Pedraio ata Medorra.
 

Imaxes relacionadas