A Xunta prorroga ata o 4 de abril a exposición ‘Vestir épocas’ que xa visitaron case 6.000 persoas no Museo de Belas Artes

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o catálogo da mostra que pode visitarse de xeito presencial e virtual a través da súa páxina web

Tras a súa reapertura, o Museo pode recibir de novo visitas seguindo as medidas de seguridade sanitaria e cun aforo máximo do 33%
 

A Coruña, 26 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia vai ampliar ata o vindeiro 4 de abril a exposición Vestir épocas 1860-1960, que pode visitarse no Museo de Belas Artes da Coruña. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o catálogo desta mostra nunha rolda de prensa na que explicou que o éxito da mesma a pesares da pandemia, con xa case 6.000 visitantes, motivou a súa ampliación ata o 4 de abril, coincidindo coa Semana Santa.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que as visitas presenciais se realizan con todas as medidas de seguridade sanitaria e cun aforo máximo do 33%. En calquera caso, explicou que as persoas que non poidan desprazarse á Coruña para ver a mostra, poden visitala de xeito virtual a través da súa páxina web, unha opción que só na súa primeira semana en liña recibiu case 1.000 visitantes.

Durante a súa intervención, o secretario xeral de Cultura reivindicou os museos galegos como espazos seguros que están xa a disposición da cidadanía para ofrecerlles unha diversa oferta cultural, así como diferentes opcións de lecer. Recordou tamén o novo marco normativo da nova Lei de Museos de Galicia que suporá un antes e un despois para mellorar e harmonizar a organización destes centros e potenciar a súa colaboración.

Tamén gabou o traballo do Museo de Belas Artes e dos dous comisarios da exposición, o arquitecto Fernando Agrasar e o especialista en moda Román Padín, na elaboración do catálogo Vestir Épocas 1860-1960, unha edición bilingüe (en galego e castelán) que repasa as pezas máis significativas en nove seccións, inspiradas nas series da colección cedidas por Ana Moro para a mostra, pero achegando unha orde diferente para facilitarlle ao lector a comprensión do fondo nas súas etapas cronolóxicas.

Nove seccións

Deste xeito, a primeira sección, Flâneries e folies recolle os vestidos e traxes, de día e de noite, para transitar pola cidade; a segunda está centrada na roupa de visita e viaxe; a terceira no loito e nos uniformes, as prendas de máis vigor; a cuarta, Pequenas principalidades, integra aos tocados, sombreiros, chales e brochés; e a quinta, Donas de branco, cabaleiros de negro, recolle os vestidos de noiva e os traxes de etiqueta para os homes.

A sexta sección, Corpos celestiais, céntrase nas vestimentas excepcionais e que se relacionan cos sacramentos e o culto no templo; a sétima xira arredor da roupa de servizo, que permite identificar os oficios domésticos a través dos uniformes; e a oitava, Corpo e silueta, recolle a ampla colección de roupa interior, na que se entrevé a influencia do xaponismo do século XIX, a través do kimono, como elemento representativo na lencería feminina da época. O catálogo péchase con Wunderkammer, que simboliza a moda como artificio, por medio da colección de obxectos singulares, exóticos e raros, accesorios de cabelo ou os complementos.

Percorrido de máis de 100 anos

A mostra Vestir épocas 1860-1960 componse de máis de 300 obras da prestixiosa colección de Ana González Moro que abarcan 100 anos de creación téxtil, desde 1860 a 1960, un tempo estreitamente vinculado ao inicio da modernidade en Galicia. Trátase de pezas de grande beleza, prodixio técnico, singularidade e relevancia histórica que se poñen en diálogo e relación coas obras de arte da colección permanente do museo tendo en conta a súa iconografía, época e uso.

A meirande parte das pezas expostas foron confeccionadas principalmente en Galicia e que reflicten o nacemento da confección en serie, o traballo dos modistas e xastres así como a moda urbana, local e cosmopolita, artesán e industriosa do momento tomando como perspectiva o traxe e dirixindo a mirada a unha manifestación cultural como a moda que continúa vixente na nosa contemporaneidade.
 

Imaxes relacionadas