A Xunta destaca a importancia da coordinación entre as forzas de seguridade e os servizos de emerxencia na loita contra a covid-19

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento para dar conta das actuacións do seu departamento na xestión da pandemia

O SACOP, órgano específico creado para a coordinación de corpos de seguridade e de emerxencias e protección Civil, levou a cabo 40 accións de información e aclaración das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias para facer fronte ao coronavirus

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento galego para dar conta das actuacións en materia de protección civil, emerxencias e interior na xestión da pandemia. Destacan as 40 accións de información, coordinación e aclaración das medidas de prevención ante a covid-19, realizadas polo SACOP, órgano específico creado para a coordinación de corpos de seguridade e de emerxencias e protección civil.

Nesta liña, destacou a importancia da implicación e a coordinación entre as forzas de seguridade e os servizos de emerxencia na loita contra o virus. Tamén no que se refire en á aplicación con criterios homoxéneos das medidas acordadas polas autoridades sanitarias para frear o virus e poder levar a cabo así unha vixilancia con tódalas garantías.

Este órgano, no que se foron integrando representantes da Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda Civil, Policías locais, o Sergas, o 061, servizos de emerxencias e Cruz Vermella baixo a coordinación da Xunta, mantivo a súa actividade desde o inicio da pandemia coa activación do Plan de Emerxencia de Galicia (Platerga).

O SACOP interviu no primeiro Estado de Alarma, entre marzo e xuño de 2020, para coordinar as medidas recollidas no decreto do Goberno central; nos meses de verán na aplicación das medidas de control sanitario e de mobilidade da Xunta para evitar o aumento da incidencia do virus; e desde o segundo estado de alarma en outubro cando o Executivo central delegou a toma de decisións nas comunidades.

Santiago Villanueva explicou que a actividade do SACOP intensificouse a partir deste momento para coordinar as medidas adoptadas cada semana na comunidade no seo do comité clínico no marco dun escenario máis complexo con restricións distintas segundo a situación epidemiolóxica de cada provincia, concello e localidade.

Tamén lembrou o traballo realizado por outros órganos de participación entre as distintas administracións, como o Centro de Coordinación (CECOP) –integrado pola Xunta, a Delegación do Goberno en Galicia e a Fegamp-, que nos primeiros meses da crise sanitaria permitiu dar seguridade xurídica ás diferentes actividades e garantir a compatibilidade do Estado de Alarma estatal coas medidas da comunidade. Ademais, nestes meses foron fundamentais os Postos de Mando Avanzado (PMAs) provinciais para centralizar as peticións de material de protección por parte dos concellos e atender peticións de desinfección de lugares públicos.

Por outra parte, no marco do SACOP e dos PMAs mobilizáronse desde o inicio da pandemia aos servizos de emerxencia -Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES)- que levan participado en máis de 117.000 operativos para o reparto de alimentos e medicamentos, visitas ás persoas que viven soas e desinfección de lugares públicos.

Villanueva agradeceu a dedicación das forzas e corpos de seguridade, dos servizos de protección civil e de emerxencias na loita contra a covid-19 e incidiu na importancia da coordinación para unha maior eficacia.

Imaxes relacionadas