O conselleiro do Medio Rural visitou dous serradoiros en Baralla, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal e do delegado da Xunta en Lugo

A Xunta convoca hoxe máis de 13 millóns de euros para accións silvícolas e publica 38 guías técnicas de modelos silvícolas para unha xestión forestal sustentable

Estas medidas súmanse ás axudas deste ano para a creación de superficies forestais, a prevención de lumes, o impulso da boa gobernanza en montes veciñais e a elaboración de instrumentos de ordenación, acadando os 31 millóns de euros de investimento total no monte

José González lembrou que onte se deu luz verde á regulación temporal das novas plantacións de eucalipto naqueles lugares nos que non os hai, ao tempo que se impulsarán especies como o piñeiro, o castiñeiro e o resto de frondosas

Destacou que os modelos silvícolas son aplicables en calquera parte de Galicia e que as regras son as mesmas para todo o territorio, polo que non hai ningunha diferenciación en concellos como Baralla, A Pastoriza ou Castroverde
 

Baralla (Lugo), 26 de febreiro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe dous serradoiros, das empresas Carronza e Maderbar, no municipio lucense de Baralla, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Na visita, o conselleiro quixo poñer de relevo as dúas ordes do seu departamento que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), para promover unha xestión forestal sustentable.

Así, por unha banda, José González apuntou que hoxe se publica a orde de modelos silvícolas e de xestión forestal, que recolle 38 guías técnicas de sinxela aplicación para o manexo sustentable das principais especies, recursos e servizos que subministran os bosques galegos. Trátase dun abano amplo para fomentar unha aplicación práctica das políticas de descarbonización, neutralidade climática e bioeconomía, así como os principios de xestión activa, adaptativa, participada ou próxima á natureza. Ademais, con esta medida impúlsase a valorización do monte e de todos os seus produtos forestais como as resinas, as cortizas, os piñóns, as castañas, os cogomelos ou o aproveitamento pastoril en terreos forestais desarborados, entre outros.

En concreto, o conselleiro sinalou que estes modelos informan de como plantar, que labores de mantemento e silvicultura (podas, rareos) realizar e cando e como hai que levalos a cabo, así como as quendas máis idóneas para o seu aproveitamento sustentable e posterior rexeneración. Asemade, informan da intensidade de xestión que supón a súa aplicación para os seus titulares así como o grao de resiliencia do modelo aplicado. Así mesmo, inclúese unha fonda batería de diferentes modelos para a xestión sustentable de masas de frondosas caducifolias.

Neste sentido, o conselleiro destacou que “estes modelos silvícolas, na súa totalidade, son totalmente aplicables en calquera parte do territorio galego”. Engadiu que “non hai ningunha diferenciación de concellos, como poden ser Baralla, A Pastoriza ou Castroverde, respecto de calquera outra parte de Galicia e, polo tanto, as regras son as mesmas para todo o territorio”.

Cómpre lembrar que a Lei de montes de Galicia establece a obrigatoriedade de que os terreos forestais de 15 ou menos hectáreas de superficie dispoñan dunha adhesión a estes modelos silvícolas para poder realizar o seu aproveitamento madeireiro de carácter comercial (non esixible para uso doméstico de leñas). Estes modelos preséntanse como instrumentos moi útiles de formación e cultura forestal para os silvicultores galegos. A información detallada e trípticos divulgativos poderanse atopar no seguinte enlace:
https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/ordenacion/adhesion-a-ms-e-rbfp-orientativos.

Por outra banda, o conselleiro sinalou que hoxe se publica no DOG a nova convocatoria de axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Esta nova convocatoria está dotada cun total de 13.072.000 euros para as anualidades de 2021 e 2022. Prevese que se poderá chegar a 525 beneficiarios e actuar sobre unhas 7.000 hectáreas de superficie nas que, na súa maior parte, se realizarán podas en masas de coníferas e tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras.

Os interesados terán un mes para solicitar estas axudas, que no período de aplicación do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 representaron unha achega de preto de 57 millóns de euros a 2.228 beneficiarios, o que supuxo actuacións en máis de 31.600 hectáreas de superficie.

José González sinalou que estas subvencións se suman á convocatoria -aínda aberta- das axudas por importe de case oito millóns de euros para a creación de arredor de 4.000 hectáreas de superficies forestais con especies de coníferas e frondosas, así como para a transformación de brotes de eucaliptais en masas desas mesmas especies. Ademais, cabe sinalar que tamén están en prazo de presentación as axudas de prevención de incendios por valor de catro millóns de euros que contemplan o control do combustible forestal e as axudas á boa gobernanza de comunidades de montes veciñais en man común, dotadas inicialmente con 1,5 millóns de euros. Todas estas actuacións silvícolas concordan coas accións previstas nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal, cun orzamento de 4,5 millóns de euros xa concedidos e que permitirán que 677 beneficiarios poidan elaborar instrumentos de ordenación forestal en case 200.000 hectáreas de monte ao longo do presente ano 2021. Un total, dixo o conselleiro, de 31 millóns de euros de investimento no monte galego.

Regulación do eucalipto

Nesa liña, o conselleiro quixo lembrar que o Consello da Xunta aprobou onte a suspensión temporal das novas plantacións de eucalipto en zonas nas que actualmente non existen e permitir unicamente as replantacións con esta especie nos terreos de toda a comunidade autónoma nos que xa existían eucaliptos e que, no momento da entrada en vigor da devandita suspensión, cumpriran coa legalidade e sigan a cumprir o marco legal vixente. Ao tempo, potenciaranse outras especies, cun plan específico para o piñeiro e outro para o castiñeiro e para o resto das árbores frondosas. Do que se trata, segundo o conselleiro, é “de contribuír, de acordo coa planificación que recollemos no Plan Forestal, á diversificación do monte galego e de buscar, pola vía da diversificación, garantir a rendibilidade do noso sector forestal”.

No caso do piñeiro, de especial interese para os serradoiros -recalcou-, fomentarase a plantación a través de liñas de axudas ás repoboacións e reforestacións de árbores desta especie de alta calidade xenética, incrementando por esa vía a superficie que ocupan en 20.000 hectáreas no prazo de 20 anos. Ademais, aplicaranse actuacións silvícolas nun total de 50.000 hectáreas de coníferas ata o ano 2040, co fin de incrementar a resiliencia e produtividade dos piñeiros dun xeito sustentable.

Doutra banda, no caso das frondosas, unha das principais liñas pasará por promover a súa rexeneración natural e o seu manexo a través da mellora da súa silvicultura próxima á natureza, para chegar a unha superficie total ocupada por estas masas autóctonas de 425.000 hectáreas en 2040 e cun programa de recuperación de bosques de ribeira que abranguerá outras 20.000 hectáreas. No que atinxe especificamente ao castiñeiro, o Plan Forestal contempla un programa estratéxico para contribuír á conservación e posta en valor desta especie, con actuacións en 8.000 hectáreas deica o ano 2040 para recuperar soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación e coa creación de novos soutos tanto para a produción principal de castaña como para xerar madeira, cada unha das liñas con 8.000 hectáreas de actuación. O obxectivo, segundo José González, é garantir que o sector forestal se fornece debidamente de madeira de calidade. Nesta dirección vai tamén -apuntou- a revisión do Plan Forestal de Galicia, un documento que marca as liñas estratéxicas a seguir deica o ano 2040 e que se irá actualizando periodicamente grazas ao Inventario Forestal continuo, no que se está a traballar en colaboración coas universidades galegas.

Enlace ás ordes no DOG:
Modelos silvícolas:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210226/AnuncioG0426-110221-0005_gl.html
Accións silvícolas:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210226/AnuncioG0426-220121-0001_gl.html

Imaxes relacionadas