O titular do Goberno galego presidiu hoxe o acto de sinatura do convenio entre Turismo de Galicia e a Universidade de Santiago para levar a cabo ambas actuacións

Feijóo salienta que as obras de mellora nas fachadas dos colexios de Fonseca e San Xerome completarán a renovación do Obradoiro, "un dos puntos de encontro máis importantes de Europa occidental"

Precisa que esta actuación, que conta cun prazo previsto de execución de tres meses, incluirá traballos tanto nas cubertas como nos paramentos verticais e na carpintería exterior, co obxectivo de mellorar a súa integridade

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que as obras de mellora nas fachadas dos colexios de Fonseca e San Xerome completarán a renovación do Obradoiro, “o punto de encontro máis importante de Galicia e un dos puntos de encontro máis importantes de Europa occidental”, aseverou.

Durante a sinatura do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para levar a cabo ambas actuacións, Feijóo subliñou que, cun prazo previsto de execución de tres meses, as obras incluirán traballos tanto nas cubertas como nos paramentos verticais e na carpintería exterior, co obxectivo de mellorar a súa integridade.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego incidiu en que despois da renovación, os visitantes poderán tamén constatar, ao chegar á praza do Obradoiro, o relevante papel que xoga a Universidade na cidade e na Comunidade, non só no eido da formación ou da ciencia, senón na tamén no arquitectónico.

Tras a importante restauración acometida na Catedral, Feijóo concluíu facendo fincapé en que con este convenio péchase a recuperación patrimonial da totalidade dos edificios que conforman a praza do Obradoiro, e baixo o compromiso de seguir conservando o mellor das institucións de Galicia.

O Colexio de Fonseca é un edificio renacentista mandado construír polo arcebispo Alonso de Fonseca que conta, entre outros, coa Biblioteca Xeral da Universidade, o Salón Nobre ou o Salón de Graos; e San Xerome, construído no século XVII, pecha polo sur a praza do Obradoiro e é hoxe en día a sede do reitorado. O conxunto que conforman ambos edificios pecha o Obradoiro na parte meridional, polo que representan un dos conxuntos máis singulares da trama urbana de Santiago.

Imaxes relacionadas