A Xunta apoia ao Concello de Ferrol con 217.000 € no mantemento da casa de acollida e na contratación de mulleres vítimas da violencia de xénero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe co alcalde, Ángel Mato, o acordo de colaboración que permite seguir proporcionando aloxamento, manutención e atención integral ás mulleres vítimas de violencia machista e aos seus fillos e fillas, no que a Xunta inviste 50.000 euros

Lorenzana mantivo unha xuntanza con mulleres vítimas de violencia de xénero contratadas polo Concello a través deste programa autonómico no que se investiu este ano 1,4 millóns de euros, o que permitirá a contratación de 63 mulleres nunha trintena de concellos

Ferrol contará cunha axuda de 167.000 euros para a contratación de seis mulleres, a contía máis alta dos 30 municipios que acadaron o financiamento

Lorenzana visitou as instalacións do Centro de Información á Muller (CIM) de Ferrol, onde agradeceu o labor que desempeñan estes profesionais en toda Galicia, unha rede composta por 83 instalacións en diferentes concellos que atendeu o pasado ano máis de 13.200 consultas

A Administración autonómica investiu máis de 500.000 euros no CIM de Ferrol na última década para mellor o servizo
 

Ferrol, 26 de febreiro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Ferrol na que asinou co alcalde, Ángel Mato, a renovación do acordo de colaboración que manteñen as dúas administracións para o mantemento e funcionamento da casa de acollida para mulleres vítimas da violencia de xénero. A Xunta inviste 50.000 euros nesta actuación co obxectivo de seguir proporcionando aloxamento, manutención e atención integral ás vítimas e aos seus fillos e fillas, garantíndolles un espazo de protección e recuperación. Lorenzana agradeceu o labor que desempeñan os profesionais do centro no que se asistiron o pasado ano a 11 mulleres e 11 menores do concello ferrolá de xeito directo.

A conselleira tamén visitou as instalacións do Centro de Información á Muller (CIM) de Ferrol, que forma parte da rede de 83 centros de toda Galicia prestan diferentes servizos ás mulleres que o precisen, desde asesoramento xurídico ata atención psicolóxica, orientación profesional ou calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade. En palabras de Lorenzana, trátase dun recurso que “demostra ser efectivo”, tal e como amosan os datos recollidos o pasado ano nestes centros. En toda a rede de Galicia realizáronse 13.235 consultas específicas en materia de violencia de xénero, 3.000 máis que en 2019. No caso concreto do CIM de Ferrol, a Xunta investiu máis de 500.000 euros na última década co obxectivo de mellorar o funcionamento do centro.

A conselleira, ademais, trasladou o seu agradecemento aos traballadores e traballadoras dos centros de información á muller de Galicia, en xeral, e de Ferrol, en particular. Destacou que todos estes profesionais “dan o mellor de si” para loitar en primeira liña contra a lacra social que supón a violencia de xénero e para traballar a favor da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.

Contratación de mulleres

Ademais de asinar o acordo de colaboración e visitar as instalacións do CIM, Lorenzana mantivo unha xuntanza con varias mulleres vítimas de violencia de xénero que foron contratadas polo Concello grazas ao programa de axudas da Consellería de Emprego e Igualdade. Na convocatoria deste ano, que se vén de resolver, destináronse para toda Galicia 1,4 millóns de euros, o que permitirá a contratación de 63 contratacións en 30 concellos galegos. No caso de Ferrol, investiranse 167.000 euros para a contratación de seis mulleres vítimas de violencia de xénero durante 12 meses. Trátase do Concello con maior financiamento dos 30 que recibirán a axuda económica.

A titular de Emprego e Igualdade apuntou que a Xunta conta cun amplo abano de axudas para traballar a favor da igualdade e loitar contra a violencia de xénero, uns programas que este ano reforzáronse cunha partida económica de 30,2 millóns de euros, un 10,2% máis que o pasado ano.

A conselleira, para rematar, indicou a importancia de seguir realizando visitas institucionais como a de hoxe para continuar escoitando e aprendendo co único fin de prestar o mellor servizo posible ao maior número de persoas. Reafirmouse no seu compromiso de apostar “firmemente” pola colaboración entre administracións que dan como resultado o convenio de colaboración asinado hoxe que permitirá seguir mantendo o centro de acollida a mulleres vítimas da violencia de xénero. “A loita pola igualdade de xénero non se entende de maneira illada, senón que require do labor conxunto de toda a sociedade”, concluíu.

Imaxes relacionadas