Conde anima ás mulleres da industria forestal a ser as protagonistas dos novos empregos e modelos de negocio que se abren no sector coa transición ecolóxica

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con 18 profesionais desta industria para escoitar a súa experiencia neste eido e visibilizar a presenza da muller

Aposta por fomentar a participación da muller no estudo de carreiras técnicas, promover a presenza feminina nos cargos directivos, derribar barreiras e estereotipos e usar a bioeconomía como lanzadeira para impulsar a incorporación da muller a esta industria

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá con mulleres da industria forestal co obxectivo de escoitar e coñecer de primeira man a súa experiencia e visibilizar a presenza feminina neste importante sector. De feito, animou ás asistentes a ser as protagonistas dos novos empregos e modelos de negocio que se abren no sector a través da transición ecolóxica.

Nos últimos anos Galicia asistiu a un cambio do papel da muller no sector grazas á profesionalización e á incorporación das novas tecnoloxías. Así, segundo os datos da EPA, o 20% das persoas ocupadas na industria da madeira, o papel e o moble son mulleres, mentres que a taxa de participación feminina é do 28%.

Aínda así, Conde destacou que queda camiño por percorrer, por iso apostou por fomentar a participación da muller no estudo de carreiras técnicas, promover a presenza feminina nos cargos directivos, derribar barreiras e estereotipos e conseguir que o auxe da bioeconomía se converta nunha sorte de lanzadeira para impulsar a incorporación das mulleres a esta industria. Neste sentido, prevese que no 2030 a biotecnoloxía industrial xere en Europa un millón de empregos.

Tal e como explicou o vicepresidente económico, Galicia aposta por impulsar o uso da madeira, un recurso natural, sustentable, eficiente e reciclable con múltiples aplicacións: desde a construción ao téxtil, pasando pola enerxía a través da biomasa. Por iso a madeira será un elemento clave na Estratexia galega da economía circular.

Imaxes relacionadas