O titular do Goberno galego reuniuse esta tarde cos presidentes da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites

Feijóo aborda coa CEG e a CEOE o impacto dos fondos Next Generation na recuperación e a necesidade de xestionalos de forma eficaz e áxil

O presidente da Xunta, Antonio Garamendi e Juan Manuel Vieites trasladan a necesidade de apostar, máis ca nunca, polo diálogo social entre administracións, empresarios e sindicatos para adoptar medidas que impulsen a recuperación económica e social

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou esta tarde, cos presidentes da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, o impacto que os fondos europeos Next Generation van ter na recuperación económica, coincidindo na necesidade dunha xestión eficaz e dunha distribución áxil que permita aproveitar esta oportunidade.

Durante a reunión, o presidente autonómico expuxo os pasos que Galicia está dando co obxectivo de favorecer o desenvolvemento de proxectos que poidan acceder a estes fondos.

Nesta liña, destacou os encontros mantidos co tecido empresarial galego para identificar proxectos de alto valor engadido para a Comunidade, como os que conforman o Polo para a Transformación de Galicia, que integra oito iniciativas que mobilizarán, inicialmente, 3.300 millóns de euros, e crearán 30.000 empregos entre directos e indirecto.

Para impulsar estes proxectos, o titular da Xunta lembrou que Galicia acaba de aprobar a Lei de reactivación, que aposta pola recuperación económica grazas a medidas que eliminan trabas burocráticas e simplifican a tramitación administrativa. Deste xeito, este novo marco normativo permitirá axilizar os proxectos tractores que sexan elixidos polo Goberno para optar aos fondos europeos.

Por outra banda, e ante a situación extraordinaria derivada da pandemia da covid-19, Feijóo, Garamendi e Juan Manuel Vieites trasladaron a necesidade de apostar, máis ca nunca, polo diálogo social entre administracións, empresarios e sindicatos para adoptar medidas que impulsen a recuperación económica e social tanto no Estado, como na Comunidade.

Imaxes relacionadas