Feijóo enxalza o esforzo de toda a comunidade educativa para adaptarse ao contexto da pandemia, apoiar ao alumnado e conseguir que o novo escenario non afecte á calidade da ensinanza

Destaca tamén o compromiso da Xunta con este obxectivo: reforzando o sistema en recursos humanos, coa contratación de 2.300 profesores máis; e con recursos económicos, inxectando máis de 160 millóns para atender ás necesidades xeradas pola covid

Salienta a elaboración do Plan de ensinanza virtual para activar en caso de que sexa necesario; así como un fondo de ordenadores con conexión a internet dispoñibles para aqueles alumnos que máis o precisan

Se ben quedan moitos retos por abordar, afirma que Galicia seguirá apostando por unha educación de calidade, pero tamén por non deixar a ninguén atrás
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o esforzo e a dedicación de toda a comunidade educativa para adaptarse ao contexto da pandemia, apoiar ao alumnado e conseguir que o novo escenario non afecte á calidade da ensinanza.

Durante o IV Congreso mundial de educación EDUCA 2021, Feijóo salientou que, durante a pandemia, o papel dos profesionais do sistema educativo superou, unha vez máis o ámbito estritamente docente, ofrecendo tranquilidade e proporcionando a máxima normalidade nun escenario totalmente descoñecido.

Nesta liña, referiuse tamén ao compromiso da Administración autonómica con este obxectivo: reforzando o sistema en recursos humanos, coa contratación de 2.300 profesores máis; e con recursos económicos, inxectando máis de 160 millóns no sistema para atender ás necesidades xeradas pola covid.

Así mesmo, destacou a elaboración do Plan de ensinanza virtual para activar en caso de que sexa necesario; así como un fondo de ordenadores con conexión a internet dispoñibles para aqueles alumnos que máis o precisan.

“E, por suposto contamos tamén co compromiso do profesorado”, abundou, resaltando que, no pasado curso 2019-2020 e no que vai do actual, máis de 30.200 docentes, é dicir, a práctica totalidade, participaron nalgunha das case 1.700 accións formativas en competencias dixitais ofertadas pola Xunta.

Ademais de apostar pola seguridade sanitaria, Feijóo aseverou que o Goberno galego deu un paso máis, presentando o Plan de benestar emocional para a comunidade educativa, co obxectivo de fortalecer as redes de acompañamento que naturalmente se crean nos colexios e institutos.

Se ben quedan moitos retos por abordar, o titular do Executivo autonómico aseverou que Galicia seguirá apostando por unha educación de calidade, pero tamén por non deixar a ninguén atrás. Non en van, e segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Educación, a comunidade galega é a máis inclusiva do Estado, co 93% do alumnado con necesidades específicas de atención educativa integrado no sistema educativo ordinario.

Ademais, cómpre salientar que o abandono escolar en Galicia caeu ao mínimo desde que existen rexistros: un 12% de media no ano 2020, 4 puntos por debaixo da media estatal. “E se facemos un balance, desde 2009, o abandono escolar reduciuse un 50%”, engadiu.

Feijóo concluíu animando a todos os profesionais do sistema educativo e aos galardoados cos premios EDUCA, entre os que se atopa Alicia Tojeiro Ríos, mellor docente de Educación Primaria e que exerce o seu labor no CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal, a seguir innovando en beneficio dos alumnos e, en definitiva, dunha sociedade mellor.

 

Imaxes relacionadas