As catro rexións ao norte do Douro solicitan unha Conferencia Sectorial de Medio Ambiente extraordinaria para o debate sobre a inclusión do lobo no Lesrpe como único punto na orde do día

Os conselleiros de Medio Ambiente de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León envían unha instancia ao Ministerio para a Transición Ecolóxica na que recordan que este órgano pode reunirse de xeito extraordinario para tratar asuntos urxentes e a proposta de inclusión do lobo no Lesrpe é unha problemática de especial transcendencia

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia súmase á petición formulada polas rexións ao norte do río Douro para a celebración dunha reunión extraordinaria da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, solicitada esta tarde ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, para abordar un único punto na orde do día: o pronunciamento sobre a necesidade de paralización da inclusión do lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

Os catro responsables de medio ambiente en Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León -como representantes autonómicos nesta Conferencia Sectorial- remitiron unha instancia para a convocatoria extraordinaria deste organismo, que -segundo o seu regulamento interno- poderá reunirse de xeito extraordinario para tratar asuntos urxentes e que xurdan de forma inesperada; polo que a inclusión do lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) é unha cuestión que urxe abordar, dado á problemática de especial transcendencia que ten suscitado esta iniciativa do Goberno do Estado.

Asemade, recordan que estas reunións extraordinarias serán convocadas pola Presidencia, por iniciativa ou a petición dun mínimo de tres comunidade autónomas, tal e como se establece no artigo 13 do Regulamento da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, que é o órgano consultivo e de colaboración entre a Administración do Estado e das comunidades autónomas para a coordinación das políticas e actuacións medio ambientais.

Nese sentido, esta solicitude é compartida xa por catro comunidades autónomas, que solicitan paralizar dita inclusión ata que se aprobe unha estratexia consensuada con todas as comunidades autónomas e, especialmente, con aquelas ás que lles corresponde a xestión.