Galicia freará o crecemento de novas superficies dedicadas ao eucalipto no seu obxectivo de acadar un Monte Galego 2040 diversificado

Feijóo fai fincapé en que “é unha decisión pensada, meditada e contrastada, coa maior parte do sector a favor e que facemos por responsabilidade”

Destaca que o Plan Forestal 2021-2040 trae tamén aparellado a potenciación das outras especies, cun plan para o piñeiro e outro para o castiñeiro e o resto das frondosas

O conselleiro do Medio Rural explicou as medidas da Xunta para fomentar as producións de coníferas e frondosas e anunciou un investimento, neste ano, de 31 millóns de euros no monte galego a través de diferentes liñas de axudas

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

Galicia freará o crecemento de novas superficies dedicadas ao eucalipto no seu obxectivo de acadar un Monte galego 2040 diversificado. Así o anunciou hoxe o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa do Consello da Xunta.

Neste sentido, o presidente explicou que o Goberno galego deu luz verde á procura de diversificación dos montes galegos ata o ano 2040. “Diversificar, protexer, potenciar máis frondosas, máis coníferas”, dixo, ao que engadiu que Galicia non pode seguir crecendo con superficie nova de plantación de eucalipto.

No que se refire a esta medida, Feijóo fixo fincapé en que “é unha decisión pensada, meditada e contrastada, coa maior parte do sector a favor e que facemos por responsabilidade”, explicando que se adopta logo de estudar distintas variables e previsións da demanda de eucalipto. Ademais, incidiu en que “non se trata de prohibir os eucaliptos que xa están plantados de forma legal, trátase de prohibir que se sigan plantando eucaliptos en lugares onde non os hai”. Así, aseverou que esta decisión non suporá en ningún caso a legalización de plantacións ilegais desta especie, “o que é ilegal seguirao sendo”.

Pola súa banda, trasladou que os propietarios de montes de plantacións legais de eucaliptos poderán seguir traballando con normalidade e replantar con esta especie. No caso dos propietarios de terreos que non estean plantados, o Goberno galego pedirá que non se planten eucaliptos “porque esa madeira cada vez valerá menos e porque non podemos permitírnolo desde o punto de vista do ecosistema”, incidiu o presidente. Desta maneira, a proposta da Xunta é solicitarlles que desenvolvan plantacións de frondosas ou piñeiro, tendo en conta, ademais, que Galicia ten déficit de piñeiros e, polo tanto, será rendible.

Neste sentido, o presidente da Xunta explicou tamén que o Plan Forestal 2021-2040 trae tamén aparellado a potenciación das outras especies, cun plan para o piñeiro e outro para o castiñeiro e o resto das frondosas. Dese xeito, destacou que a Xunta ten previsto financiar a plantación de piñeiros na Comunidade e de especies autóctonas. Ademais, tamén salientou que se vén de aprobar definitivamente a orde de modelos silvícolas que se publicará no DOG no día de mañá, ampliando estas guías silvícolas. Ademais, tamén avanzou a convocatoria de axudas por importe de 13 millóns de euros para accións silvícolas.

“Estou convencido que necesitamos tomar estas decisións e que, se as explicamos, non terá que haber problemas nin discusións”, sentenciou, engadindo que o Goberno galego está convencido de que será bo para o conxunto de Galicia e tamén para os propietarios, pois é unha proposta que merecerá a pena.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, detallou as medidas que trae aparellada esta regulación temporal do eucalipto. Así, destacou que a Xunta porá en marcha un plan para o piñeiro e outro para o castiñeiro e o resto das frondosas, co fin de asegurar a diversificación das masas arbóreas e das súas producións.

Así, segundo explicou o conselleiro, traballarase na rexeneración natural e o manexo, a través da mellora da silvicultura das masas de frondosas autóctonas, co obxectivo de chegar a 425.000 hectáreas destas especies en 2040. No caso concreto do castiñeiro, o Plan Forestal contempla un programa estratéxico para contribuír á súa conservación e posta en valor, con actuacións en 24.000 hectáreas, tanto para recuperar soutos tradicionais (en 8.000 hectáreas) como para xerar madeira e para a produción principal de castaña (noutras 16.000 hectáreas). Crearase unha unidade dos soutos dentro da Consellería do Medio Rural, que se dedicará exclusivamente á xestión deste recurso, segundo adiantou José González.

En canto ao piñeiro, o seu impulso farase con investimento, con medidas de fomento e con liñas de acción transversais, baseadas na mellora xenética. Así, está previsto incrementar mediante esta vía a superficie que ocupa esta especie en 20.000 hectáreas no prazo de 20 anos e, ademais, intervir con actuacións silvícolas nun total de 50.000 hectáreas de masas de coníferas no mesmo período, co fin de incrementar a porcentaxe de madeira de alta calidade e de impulsar prácticas que favorezan a súa resiliencia.

Medidas no DOG

Ademais, nesta mesma liña o conselleiro avanzou tamén que mañá mesmo o Diario Oficial de Galicia publicará dúas medidas de apoio e impulso a estas políticas. Trátase, por un lado, da orde de modelos silvícolas, que establece ata 38 formas diferentes de xestionar os nosos bosques, con indicacións claras e concretas sobre como plantar, que labores de mantemento e silvicultura (podas, rareos) realizar e cando e como hai que levalas a cabo. Así mesmo, informan sobre as quendas máis idóneas para o seu aproveitamento sustentable e posterior rexeneración e sobre a intensidade de xestión que supón a súa aplicación para os seus titulares, así como o grao de resiliencia do modelo aplicado.

Por outra banda, José González anunciou tamén que o DOG publicará mañá a convocatoria de máis de 13 millóns de euros en subvencións para accións silvícolas nunhas 7.000 hectáreas de montes galegos. Estes fondos súmanse ás axudas para a creación de superficies forestais de coníferas e frondosas e para a transformación de brotes de eucaliptais en masas destas mesmas especies, ás achegas para a prevención de incendios, ás concibidas para impulsar a boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais e ás destinadas a apoiar a elaboración de instrumentos de ordenación forestal. Todas estas liñas supoñen habilitar, este mesmo ano, 31 millóns de euros de investimento no monte galego.

Imaxes relacionadas