A Xunta aproba a Área de Transporte de Galicia para estender as vantaxes do transporte metropolitano ao conxunto da Comunidade e a todos os usuarios

Destaca que con esta iniciativa, os galegos disporán dunha tarifa única, co mesmo prezo por quilómetro

Subliña a importancia da iniciativa para que os descontos que benefician aos usuarios das áreas metropolitanas de transporte cheguen “ás persoas que viven nas vilas e aldeas”

Salienta que a extensión das vantaxes a todo o territorio contribuirá a “unha nova época do transporte público”
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe tras a reunión do Consello a aprobación da Área de transporte de Galicia para levar as vantaxes do transporte metropolitano ao conxunto da Comunidade e a todos os usuarios.

Baixo o obxectivo de que na primavera se asinen xa os primeiros convenios para adherir aos concellos, e continuar ata a implantación efectiva, xa na segunda metade do ano, Feijóo incidiu en que con esta iniciativa os galegos disporán dunha tarifa única, co mesmo prezo por quilómetro en toda Galicia.

Así, subliñou a importancia da iniciativa para que os descontos que benefician os usuarios das áreas metropolitanas de transporte, “o poidan desfrutar ás persoas que viven nas vilas e aldeas”.

Na mesma liña, explicou que a posta en marcha desta nova Área de Transporte suporá unha mellora na conexión entre as redes de transporte; un incremento nos servizos e no fluxo de información e aplicar unha política de tarifas común, única e bonificada.

No tocante ás vantaxes, o responsable do Goberno galego precisou que mediante a Tarxeta Transporte Público de Galicia, aplicarase unha bonificación zonal de 0,50 euros no prezo de cada viaxe –financiada de forma xeral ao 80% pola Xunta, e ao 20% polos concellos adheridos— e non se cobrará a viaxe nos transbordos. E a esta bonificación, sumarase un desconto adicional do 10% nas viaxes dos usuarios que empreguen a Tarxeta Metropolitana de Galicia (TMG), sen importar que o concello estea adherido a Área de Transporte de Galicia ou non.

Do mesmo xeito, fixo referencia á gratuidade para os menores de 21 anos mediante a Tarxeta Xente Nova, cando o Goberno galego aprobe a súa extensión en toda a Comunidade; e enunciou tamén a posta en marcha dun desconto adicional para viaxeiros recorrentes.

Non en van, a aplicación das vantaxes suporán unha aposta orzamentaria que se eleva ata uns 15 millóns de euros: 12,3 millóns financiados desembolsados pola Xunta; e 2,6 polos concellos adheridos a esta Área de Transporte.

O presidente da Xunta amouse convencido de que, tendo en conta que se prevé a bonificación, no seu conxunto, de aproximadamente uns 17,5 millóns de viaxes, a extensión destes beneficios a todo o territorio e en todas as rutas contribuirá a “unha nova época do transporte público”.

Do mesmo xeito, destacou a “aposta pola equidade” que implica a nova Área de Transporte Público, especialmente para os mozos do rural e, en xeral, para todos os usuarios.

Imaxes relacionadas