Fernández-Tapias avanza a celebración dun consello extraordinario do CCVV para abordar Berbés 7 e a nova sede do Consorcio

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta presidiu o comité executivo no que se autorizou a compra de Subida ao Castelo 14

Recorda que actualmente hai catro rehabilitacións en marcha na zona alta e no Berbés, tres adxudicacións en curso e dous inmobles pendentes de licitación

Vigo, 25 de febreiro de 2021

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, avanzou hoxe a celebración a vindeira de semana dun consello extraordinario para abordar o destino de Berbés 7 e o nova sede que ocupará o organismo rehabilitador unha vez se execute o desafiuzamento da Praza da Princesa.

Segundo informou, son dous temas que hai que abordar coa máxima urxencia, especialmente no caso da sede do Consorcio Casco Vello de Vigo pois, recordou, o desafiuzamento das actuais instalacións, nas que o Concello prevé reformas, será inmediato. A este respecto, sinalou que se están a estudar e avaliar posibles localizacións alternativas na contorna do barrio histórico que sirvan de sede permanente para o organismo.

En canto ao futuro de Berbés 7 sinalou que non podemos perder a oportunidade de seguir completando a rehabilitación da fachada marítima, co proxecto previsto pola Xunta para albergar neste inmoble unha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea, que se sumaría ao novo Albergue de Peregrinos, a sede da Universidade de Vigo, á promoción de Berbés 41 e á construción de Berbés 29.

Neste contexto, Fernández-Tapias que recordou que vén de entregar no último mes as chaves a tres novos veciños do casco histórico (rúa Real 13, Subida o Castelo 14 e Cruz Verde 12), se referiu ás actuacións actualmente en marcha neste ámbito. Concretamente, lembrou as obras que se están a executar en catro inmobles localizados na zona alta do Casco Vello e no Berbés, cun investimento de máis de 3,8 millóns de euros e grazas ás que 12 familias máis poderán asentarse neste barrio, ademais de obter dous novos locais comerciais. Asemade, referiuse ao proceso de adxudicación de outras tres vivendas aberto para Berbés 41 e Abeleira Menéndez 16.

Especial fincapé fixo a representante autonómica na intervención no número 13 da rúa Real, recentemente anunciada e que, tal e como recordou, permitirá obter catro vivendas e un local comercial. Segundo dixo, o investimento previsto para recuperar este edificio, que será licitado en canto se dispoña de licencia municipal, ascende a 675.000 euros.

Deste modo, a presidenta do CCVV destacou o valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización dunha zona histórica e degradada da cidade.

Así, desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 27,4 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito que permitiron poñer no mercado un total de 110 vivendas e 33 locais, contribuíndo deste xeito a que o Casco Vello recuperase actividade comercial e social.

Xa por último, a delegada territorial volveu a insistir na necesidade de que o Concello habilite a vía da expropiación, que permitiría a compra de edificacións que nestes intres e por distintas razóns non poden ser adquiridos polo ente rehabilitador. “Temos os proxectos e o orzamento para acometer estas intervencións, pero nos fan falla as ferramentas urbanísticas que permitan a súa adquisición e que dependen única e exclusivamente Concello”, sinalou a delegada.

Imaxes relacionadas