A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentoulle hoxe ao alcalde en funcións, Rubén Quintá, o detalle das actuacións previstas por Augas de Galicia

A Xunta adxudica a redacción do proxecto de mellora do sistema de saneamento do concello de Rodeiro

O contrato, cun investimento autonómico de preto de 85.000 euros, conta cun prazo de execución de 10 meses

Vázquez Mourelle subliña que se trata de materializar a solución axeitada para o tratamento das augas residuais no núcleo urbano, que carece de depuradora

Explica que os traballos se realizarán en base á alternativa seleccionada nun estudo previo, que inclúe a execución de 14 tramos de colectores de saneamento e un xeral con 2 ramais de conexión e unha depuradora para 700 habitantes

Precisa que estes traballos permitirán a definición do proxecto construtivo para a mellora do sistema, que se estima suporá un custo de máis de 1,4 millóns de euros

Subliña a vontade da Xunta de continuar achegando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Rodeiro (Pontevedra), 25 de febreiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe da adxudicación da redacción do proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento do concello de Rodeiro.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantivo hoxe unha reunión co alcalde en funcións de Rodeiro, Rubén Quintá, na Casa do Concello para abordar o detalle das actuación previstas por Augas de Galicia.

A conselleira trasladoulle ao rexedor que o contrato adxudicouse á empresa Cuartazona Ingeniería S.L. por un investimento autonómico de preto de 85.000 euros, e conta cun prazo de execución de 10 meses.

Salientou que o obxectivo deste servizo é materializar a solución axeitada para a xestión e tratamento das augas residuais no núcleo urbano do municipio, que carece na actualidade dunha estación depuradora de augas residuais. Para iso Augas de Galicia redactou o pasado ano un estudo de alternativas para o saneamento de Rodeiro, no que se analizaron posibles actuacións de mellora da rede de saneamento existente.

As actuacións

Os traballos contratados pola Xunta permitirán a definición do proxecto construtivo para a mellora do sistema e realizaranse en base á alternativa proposta no citado estudo, que se estima suporá un custo de máis de 1,4 millóns de euros.

Na reunión precisouse a solución proposta, que consiste na execución de 14 tramos de colectores de saneamento na rede actual, para conseguir a separación das augas pluviais e fecais; a construción dun colector xeral, 2 ramais de conexión desde a rede de Rodeiro e unha depuradora para 700 habitantes.

Ethel Vázquez puxo en valor a importancia destas intervencións para contribuír a avanzar cara a mellora do sistema de saneamento municipal, que reverten na calidade de vida dos veciños de Rodeiro.

A este respecto, subliñou a vontade da Xunta de continuar achegando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Imaxes relacionadas