Sanidade realizará entre o luns e o martes un cribado masivo a 3.500 estudantes do campus de Lugo

Lugo, 25 de febreiro de 2021

A Consellería de Sanidade realizará entre o luns e o martes da vindeira semana un cribado masivo entre 3.500 estudantes do Campus de Lugo. Así, coincidindo co reinicio das clases presenciais o 1 de marzo, realizará test de antíxenos a máis do 40% do alumnado.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o xerente do Sergas, Ramón Ares; a xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco, e o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández, ultimaron os detalles do proceso nas instalacións nas que se tomarán as mostras, xunto ao salón de actos.

Despregaranse sete equipos para a toma de mostras, en quendas de mañá e tarde. Os alumnos serán citados por SMS; os resultados coñeceranse nun tempo aproximado de quince minutos, o que permitirá actuar con rapidez no caso de que se detecte algún positivo.

Imaxes relacionadas