A Xunta instala unha cuberta no patio de xogos infantís do CEIP de Palas de Rei, cun investimento de 42.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que as obras de mellora da eficiencia enerxética do colexio avanzan a bo ritmo e só falta pintar o exterior do edificio, o que se fará en canto mellore o clima

Palas de Rei (Lugo), 25 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras para dotar dunha cuberta o patio de xogos infantís do colexio de educación Infantil e Primaria (CEIP) de Palas de Rei, nas que inviste 42.000 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro educativo acompañado do alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada -entre outras persoas- e explicou que se construirá unha estrutura con cuberta metálica para facer este espazo máis práctico e cómodo.

“A nova instalación permitirá aos nenos e nenas desfrutar do parque durante máis tempo, xa que estarán resgardados das distintas incidencias do clima, como a chuvia ou o sol excesivo”, destacou o delegado. Ademais, apuntou que o Concello de Palas de Rei ten previsto completar posteriormente esta intervención coa colocación dun pavimento de caucho para minimizar os impactos en caso de caída. O parque infantil non será de uso exclusivo do alumnado do colexio senón que tamén se abrira ao público.

Arias tamén comprobou o avance das obras de mellora da eficiencia enerxética que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade executa no colexio de Palas desde finais do pasado mes de outubro, cun investimento de 243.000 euros. Segundo explicou, xa finalizaron as actuacións no interior do recinto escolar e unicamente queda pendente o pintado exterior, que se acometerá en canto as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

A finalidade do proxecto é mellorar o illamento do edificio mediante a renovación das carpinterías exteriores, falsos teitos, canlóns e baixantes, entre outros elementos, para evitar tanto a entrada de humidades como de aire. Tamén se promove o aforro enerxético mediante a substitución do sistema de iluminación por equipos LED de baixo consumo.

Imaxes relacionadas