A Comisión Técnica de Protección Civil aproba o novo decreto para actualizar as actividades en centros obrigados a presentar plans de autoprotección

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a reunión, na que se informou da modificación da orde de rexistro destes plans

A nova orde inclúe a creación dun rexistro electrónico cunha base de datos que os servizos de emerxencia poderán consultar para mellorar a eficiencia nas súas intervencións

Tamén se aprobaron os plans de actuación fronte a risco de incendios dos concellos de O Pino e Mondariz; e de risco de rotura de presa de Nogueira de Ramuín

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

A Comisión técnica permanente da Comisión Galega de Protección Civil someteu hoxe a informe o decreto que actualiza o catálogo de actividades en centros obrigados a elaborar e rexistrar Plans de Autoprotección (PAU), para avanzar na súa tramitación e posterior aprobación. A través destes plans tratase de previr e controlar os riscos sobre as persoas ou bens para dar unha resposta adecuada e garantir a integración destas actuacións no sistema público de protección civil.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu hoxe a reunión na que se abordou este decreto que recolle as medidas mínimas de protección que deben contemplar os plans de autoprotección e actuacións para axilizar o procedemento de rexistro.

Ademais, informouse da modificación da orde pola que se crea o rexistro electrónico de plans de autoprotección para adaptalos aos cambios da administración dixital de Galicia e regular as modificacións e as baixas dos plans e melloras que permitan consultar os datos. O obxectivo deste rexistro é contar cunha base de datos co contido dos plans de autoprotección á que poderán acceder aos servizos de emerxencias para ampliar información e mellorar a eficiencia nas súas intervencións.

No encontro de hoxe tamén se homologaron os plans de actuación municipal fronte ao risco de incendios do concello coruñés de O Pino e o pontevedrés de Mondariz. Ademais, homologouse o plan de actuación municipal ante ao risco de rotura da presa de San Pedro do municipio de Nogueira de Ramuín.

O obxecto destes plans é preparar unha resposta municipal de xeito que os respectivos concellos teñan un dispositivo permanente en función dos riscos detectados, unha estrutura de mando e uns procedementos de actuación e catalogación dos medios cos que conta o concello. Así, a finalidade é que con esta planificación as actuacións que se leven a cabo en caso de emerxencia non sexan froito da improvisación, e que a solución que se dea sexa a máis adecuada á incidencia acontecida.

A Comisión técnica permanente de Protección Civil é un órgano de estudio e proposta dos temas que vaian a pasar a debate e aprobación pola Comisión Galega de Protección Civil, así como, a adopción de acordos en aquelas materias delegadas pola Comisión Galega de Protección Civil, entre outras, a homologación dos plans municipais.

Imaxes relacionadas