A Xunta enxalza o labor fundamental da Rede Veciñal contra os Malos Tratos de Vigo coas vítimas da violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias visitaron hoxe as dependencias da entidade

Ambas as dúas recoñeceron o traballo da rede na intervención directa coas mulleres vítimas e na posta en marca de iniciativas a prol da igualdade de oportunidades

A Rede Veciñal contra os Malos Tratos de Vigo vén de ser recoñecida pola Xunta coa medalla Emilia Pardo Bazán pola súa aposta pola igualdade

Vigo, 25 de febreiro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantiveron hoxe nesa localidade unha xuntanza coa Rede Veciñal contra os Malos Tratos de Vigo, onde puxeron en valor o importante labor que desenvolve esta entidade para atender as mulleres con carácter xeral e, en especial, na intervención directa coas vítimas da violencia de xénero.

Esta asociación vén de ser recoñecida polo Goberno galego cunha medalla Emilia Pardo Bazán pola súa contribución a construír unha sociedade máis igualitaria.

Tal e como lembrou a secretaria xeral da Igualdade, a Rede Veciñal contra os Malos Tratos de Vigo desenvolve un “papel fundamental” na atención ás demandas cotiás das mulleres. López Abella puxo en valor o apoio e asesoramento directo que dispensa en especial ás mulleres vítimas de violencia de xénero ao poñer o foco no seu acompañamento social e na intervención para a súa recuperación psicosocial e laboral.

A delegada territorial, Marta Fernández-Tapias, pola súa banda, remarcou que “a colaboración coas distintas entidades faise imprescindible para, entre todos, acabar coa violencia de xénero. Esta é, e así debe ser, unha batalla compartida por toda a sociedade”, aseverou.

A Xunta colabora coa rede viguesa desde hai anos, no desenvolvemento de accións de prevención da violencia de xénero e de atención ás súas vítimas. Esta relación constitúe bo exemplo da man tendida que o Goberno galego mantén cara as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o deseño de programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Desde 2017 esta cooperación ven materializándose no desenvolvemento de accións de loita contra a violencia de xénero, dirixidas a sensibilizar á poboación sobre esta lacra, e outras medidas de apoio social e acompañamento a vítimas da violencia, que recibiu apoios da Administración autonómica por valor de 60.000 euros.

Imaxes relacionadas