A Xunta terá en conta os anos de traballo no Consorcio Galego nos concursos-oposición que convoque ao abeiro da oferta de emprego público

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, sinalou hoxe que nos procesos de concurso-oposición que se convoquen a través a oferta de emprego público (OPE) publicada pola Xunta en decembro do ano pasado teranse en conta os anos de experiencia do persoal que xa está a traballar para este ente autonómico. Díxoo durante a súa comparecencia na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, na que abordou a situación laboral das empregadas e empregados do Consorcio Galego.

Ademais, Perfecto Rodríguez salientou que a fase de concurso puntuará o 40% do total da proba, e enmarcou esta OPE no proceso de estabilización e consolidación de emprego acordado coas organizacións sindicais maioritarias: CC.OO, UGT e CIG.

Nesta liña, apuntou que o modelo que se está a seguir para converter en prazas fixas os postos que ata agora están cubertos de maneira temporal é o mesmo que están a facer outras administracións públicas conforme á legalidade vixente neste ámbito.

Melloras laborais

Así mesmo, o xerente do Consorcio Galego expuxo as melloras acadadas nos últimos anos na situación laboral das traballadoras e traballadores deste ente autonómico coa integración do seu persoal no convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, en marzo de 2017.

Con esta integración, pactada cos sindicatos e ratificada por unanimidade polos comités de empresa provinciais do Consorcio Galego, avanzouse na equiparación salarial co resto do persoal da Administración autonómica, que rematará o vindeiro ano. Tamén se equipararon a xornada laboral e o réxime de permisos, licenzas e vacacións; e aprobouse o pago de trienios desde 2017.

Imaxes relacionadas