Augas de Galicia prevé a execución desta actuación no marco do Eixe REACT UE do programa europeo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta á covid-19

A Xunta remítelle ao Concello de Paderne de Allariz o convenio de colaboración para dotar de abastecemento de auga ao núcleo de San Cristovo, cun investimento de 275.000 euros

As actuacións propostas pola Xunta, cun prazo de execución de 5 meses, permitirán dotar deste servicio a todo o municipio ourensán

Augas de Galicia achegará o 80% do investimento, 220.000 euros, asumindo a contratación, execución e xestión das obras ata a súa entrega ao Concello

O Concello financiará o 20% restante, 55.000 euros, comprometéndose á obtención de permisos e á realización dos trámites necesarios, á posta á disposición dos terreos para a súa execución, e á recepción e mantemento das actuacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de remitirlle hoxe ao Concello de Paderne de Allariz a proposta de convenio de colaboración para impulsar o abastecemento de auga no núcleo de San Cristovo.

Na actualidade o concello de Paderne de Allariz conta cunha rede de abastecemento que dá subministración a todos os núcleos do municipio salvo a San Cristovo. Isto é debido a que o depósito de cabeceira se atopa a unha cota inferior ao dito núcleo, polo que a poboación de San Cristovo abastécese na actualidade a través de acometidas particulares ou colectivas.

Mediante este convenio, desde Augas de Galicia búscase solucionar os problemas antes descritos, a través da execución dunha rede de abastecemento composta por: conexión con rede existente, bombeo, novo depósito, impulsión de subministración a leste e unha rede en árbore para distribución. Estes traballos contarán cun prazo de execución de 5 meses.

Segundo recolle o texto do convenio trasladado pola Administración autonómica, a Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa achega de 220.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Paderne de Allariz contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 55.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Augas de Galicia prevé realizar esta actuación, cun prazo de execución de catro meses, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Este financiamento permitirá executar estas obras que teñen sido solicitadas pola entidade local e que se deben formalizar coa sinatura do convenio remitido hoxe por Augas de Galicia ao Concello, ao que se lle dá un prazo dun mes para dar resposta sobre o convenio, e para trasladar o correspondente xustificante da retención de crédito da achega que asume a Administración local.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.