Trenor traslada á alcaldesa de Bergondo un convenio para a mellora integral do centro de saúde

O proxecto ten un orzamento de máis de 306.000 euros e sería financiado a partes iguais pola Xunta e polo Concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal

A Xunta de Galicia foi a encargada de realizar o informe da situación actual do edificio e elaborou a proposta de acordo para executar as obras

Bergondo (A Coruña), 25 de febreiro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, para presentarlle unha proposta de convenio que permitiría levar a cabo unha mellora integral do centro de saúde deste concello. O orzamento previsto é de algo máis de 306.000 euros e sería financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.

A Xunta de Galicia foi a encargada de realizar o informe da situación actual do edificio e elaborou a proposta de convenio que hoxe se lle presentou á alcaldesa. Dende o Goberno galego levaríase a cabo a obra de forma coordinada para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a este centro.

O delegado da Xunta trasladoulle o informe realizado pola Consellería de Sanidade no que se reflexa a necesidade de levar a cabo esta actuación porque o edificio atópase nun estado malo de conservación con problemas de tipo construtivo e de humidades, illamento térmico e falta un espazo cuberto dende a zona da ambulancia. Ademais, no informe quedou tamén patente a necesidade de levar a cabo melloras na distribución dos espazos.

O delegado da Xunta de Galicia entregou a rexedora o informe que propón unha serie de actuacións para a mellora integral do centro e do seu funcionamento. Concretamente, as obras previstas consisten na renovación de toda a cuberta unificando as distintas pendentes e incluíndo un novo lucernario con estrutura autoportante de aluminio e con placas de vidro dobre, canles e baixantes, renovación da carpintería exterior, construción dunha marquesiña e soportal de acceso cuberto dende a zona da ambulancia, cortar a reixa existente e realizar dúas portas no peche metálico, pintado interior de todo o edificio, instalación dun sistema de calefacción mediante bomba de calor e adecuación da instalación eléctrica.

O representante do Goberno galego puxo en valor este investimento para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde e para facilitar o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para acondicionar o edificio municipal no que se presta o servizo sanitario aos veciños de Bergondo.

Imaxes relacionadas