O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe a varias preguntas dos grupos no Pleno da Cámara

A Xunta pide ao Goberno central poder formar parte do Convenio de transición xusta para As Pontes e Cerceda

Conde agarda que o Executivo central cumpra o compromiso adquirido durante a xuntanza que o presidente da Xunta mantivo a pasada semana coa ministra para a Transición Ecolóxica e lance proximamente o proceso participativo para a elaboración de dito convenio para a zona das Pontes

Reitera que a Xunta vai seguir traballando xunto co Goberno e Endesa para impulsar a viabilidade económica da central das Pontes

Subliña que a Administración galega esixirá a Naturgy que atope unha solución de consenso para os traballadores do seu centro de operacións da Coruña

Remarca a predisposición a colaborar con Barreras, pero pide que o Goberno tamén o faga a través do Fondo de Solvencia e que o estaleiro conte cun plan industrial sólido e viable

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, solicitou hoxe ao Goberno que Galicia poida formar parte do Convenio de transición xusta para as centrais térmicas das Pontes e de Meirama, en Cerceda. Segundo dixo, é necesario contar cunha folla de ruta coordinada entre as administracións, empresas e traballadores para salvagardar o futuro industrial de Galicia.

En resposta a varias preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Conde apuntou que a Xunta sempre vai defender ante o Goberno unha transición xusta que garanta a continuidade dos miles de postos de traballo que dependen das centrais de Cerceda e As Pontes, así como das plantas de Alcoa San Cibrao, Alu Ibérica, Navantia, Ence ou de toda a cadea mar-industria.

Nesta liña, indicou que na xuntanza que o presidente da Xunta mantivo a pasada semana coa ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, o Goberno comprometeuse a lanzar proximamente o proceso participativo para a elaboración do Convenio de transición xusta da zona das Pontes.

Con respecto á central das Pontes, logo de que os informes ratificasen que o uso de biocombustibles a fan viable técnica e ambientalmente, destacou que a Xunta vai seguir traballando xunto co Goberno e Endesa para impulsar agora a súa viabilidade económica a partir dos datos achegados polas probas.

Segundo dixo, unha mostra do compromiso da Xunta coa transición xusta é o Polo para a Transformación de Galicia, iniciativa coa que opta aos fondos europeos Next Generation e que, entre outros proxectos, recolle a creación dunha planta de hidróxeno verde nas Pontes e a instalación de 1000MW de nova potencia renovable (eólica e solar) en Galicia.

Centro de operacións de Naturgy e Barreras

No Pleno do Parlamento, o vicepresidente económico foi preguntado polas actuacións que vai levar a cabo a Xunta para evitar a deslocalización dos postos de traballo asociados ao centro de operacións de Naturgy na Coruña. Ao respecto, Conde subliñou que o Goberno galego non comparte esta decisión e vai seguir exixindo un compromiso da empresa para atopar unha solución de consenso.

Ademais, respondeu tamén a unha pregunta sobre o estaleiro Barreras co que, dixo, a Xunta ten un compromiso explícito de colaborar, sempre e cando a empresa garanta a súa viabilidade futura en Vigo e certifique o cumprimento dos compromisos que ten adquiridos coa industria auxiliar. Non obstante, considerou que é necesario que o Goberno tamén colabore a través do Fondo de Solvencia e que Barreras conte cun plan industrial sólido e viable.