A Xunta reforza con 21 M€ o apoio á muller fronte aos efectos da covid-19 con medidas para impulsar a conciliación, o emprego, a formación e a atención ás vítimas da violencia de xénero

O conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe no Parlamento de Galicia para informar sobre as actuacións que desenvolve o Goberno galego para intensificar as políticas de igualdade fronte aos efectos da pandemia

A Administración autonómica está a elaborar un estudo sobre o impacto da crise sanitaria no emprego feminino galego para coñecer a situación real e poder seguir avanzando cara á igualdade de oportunidades

Lorenzana fixo fincapé nas axudas para apoiar a redución da xornada de traballo, a maternidade ou paternidade dos autónomos e para a promoción da igualdade laboral en concellos e empresas que suman 7,3 millóns de euros

A Xunta conta este ano con máis de 10,6 millóns para promover a formación, a contratación das mulleres e o emprendemento feminino a través de diferentes programas como o Emega para impulsar as ideas empresariais, que permitiu entre 2009 e 2020 a creación ou mantemento de 1.600 postos de traballo para mulleres

Lorenzana destacou as actuacións para impulsar o emprego nas mulleres vítimas de violencia de xénero a través de dous liñas de axudas que suman 2,8 millóns

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta está a reforzar o apoio á muller fronte aos efectos da covid-19 con diversas medidas e programas de axudas que suman este ano máis de 21 millóns de euros. As actuacións contemplan iniciativas para impulsar a conciliación da vida familiar, persoal e laboral, fomentar o emprego e a formación e atender ás vítimas da violencia de xénero.

Lorenzana sinalou a importancia de incorporar o enfoque de xénero nas medidas que se adopten para dar resposta aos efectos da pandemia, unha crise que, indicou, ten unha tripla dimensión: sanitaria, social e económica.

Así, e como punto de partida, a conselleira explicou na Cámara galega que a Xunta está a ultimar un estudo sobre o impacto da covid-19 no emprego feminino galego para ter unha fotografía real da situación actual e poder seguir deseñando actuacións para avanzar cara á igualdade de oportunidades. O estudo aborda tamén a situación do teletraballo, a conciliación e o papel que xogan as empresas nestes ámbitos. “É un estudo propio, realizado a nivel autonómico, e a partir dun traballo de campo que toma como mostra a situación específica e real das mulleres galegas”, matizou. Entre outros aspectos, o informe está a avaliar a situación laboral e profesional das mulleres por sectores e provincias, as necesidades e barreiras existentes en materia de formación e dixitalización, o grao de emprego do teletraballo, a conciliación e o grao de implantación dos plans de igualdade nas empresas.

Conciliación e igualdade laboral

A Administración autonómica, ademais, conta con diversas medidas para apoiar a conciliación, corresponsabilidade e igualdade laboral. Entre as que se están activando este ano, Lorenzana puxo en valor as axudas para apoiar a redución da xornada de traballo, a maternidade ou paternidade dos autónomos e para a promoción da igualdade laboral en concellos e empresas que suman 7,3 millóns de euros.

Os apoios á conciliación da vida familiar e laboral por redución da xornada de traballo contan este ano con 1,1 millóns de euros. A convocatoria de 2020 permitiu apoiar a 235 homes e mulleres a través dun orzamento de máis de 450.000 euros. Doutro lado, as axudas destinadas á conciliación por maternidade ou paternidade das persoas traballadoras autónomas inclúen este ano un crédito de 500.000 euros con contías máximas de 6.000 euros para compensar a contratación.

Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade porá en marcha un ano máis o programa para o fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación e nas empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBTs), que contemplan axudas para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar de ata o 75% do custe das escolas infantís ata un máximo de 3.000 euros. Esta iniciativa conta este ano con 2,6 millóns de orzamento.

Así mesmo, a Xunta apoia ás entidades locais galegas na promoción da igualdade con 1,5 millóns de euros este ano. Este programa permitiu en 2020 o desenvolvemento de 250 actividades de conciliación que chegaron a 4.796 pais e nais e a 5.922 nenos e nenas. En 2021 tamén convocaranse as axudas para impulsar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial nas empresas con 1,6 millóns, con incentivos para o fomento do teletraballo e a flexibilidade horaria e financiamento para a adquisición de equipos informáticos para garantir o dereito á conciliación.

Emprendemento e formación

No eido da formación para o emprego, do impulso á contratación de mulleres e do emprendemento feminino investiranse 10,6 millóns. Lorenzana explicou que é esencial a formación dos traballadores e traballadoras e das organizacións empresariais e sindicais en materia de igualdade. Por iso, a Xunta será pioneira en 2021 en poñer en marcha un programa dirixido a garantir que os axentes sociais conten con coñecementos en materia de igualdade laboral.

Así mesmo, no ámbito da formación, a titular de Emprego e Igualdade lembrou que os obradoiros duais de emprego contan cun módulo de igualdade que é obrigatorio; existen programas integrados de emprego dirixidos exclusivamente a mulleres nos que participaron desde 2017 un total de 2.765 mulleres a través dun investimento de 6 millóns; e bolsas e axudas para os desempregados para facilitarlles a súa participación nos cursos de formación. Ademais, o Goberno galego conta con programas formativos dirixidos exclusivamente a mulleres como Medrando Xuntos ou SonExecutiva. Este último beneficiou o pasado ano a 400 mulleres.

Emega e Galicia Emprega

Por último, neste ámbito, a conselleira fixo fincapé nos programas Emega e Galicia Emprega. O primeiro deles, o Emega, alcanza este ano o maior orzamento desde a súa posta en marcha: 3,6 millóns que con respecto a 2020 supón un aumento do máis do 100%. A iniciativa permite cada ano financiar preto de 200 iniciativas empresariais de mulleres e crea máis de 300 empregos femininos en Galicia. O colectivo destinatario do Emega son mulleres, principalmente desempregadas. O Goberno galego investiu entre 2009 e 2020 máis de 11,2 millóns de euros nestas liñas de axudas contribuíndo ao financiamento de máis de 900 proxectos empresariais femininos e á creación de 1.600 postos de traballo.

Con respecto ao Galicia Emprega, co que se impulsa a formación e a contratación dos colectivos con máis dificultades para obter un posto de traballo, como é o caso das mulleres, contará este ano con 14,5 millóns de euros fronte aos 13,1 millóns de 2020. A liña específica para o colectivo feminino, Emprega Muller, incrementarase en 700.000 euros ata alcanzar os 5 millóns de euros. O pasado ano, estas axudas permitiron a contratación de 475 mulleres. Nos últimos dez anos, a través dos programas de emprego, a Xunta investiu 470 millóns de euros que beneficiaron a 400.000 mulleres.

Violencia de xénero

No eido da contratación, Lorenzana tamén destacou a importancia dos programas dirixidos ás mulleres vítimas da violencia de xénero. Así, o programa de inserción laboral a través de entidades sen ánimo de lucro conta este ano con 1,4 millóns. O pasado ano chegou a 328 mulleres, das que 66 lograron unha inserción laboral plena a través de 74 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. Por outro lado, o programa de fomento da contratación por parte dos concellos de mulleres vítimas de violencia de xénero, con 1,4 millóns para 2021, acadou en 2020 a contratación de 92 mulleres nesta situación en 49 concellos.

A conselleira, para rematar, reafirmouse no seu compromiso de non retroceder nin un paso na loita contra a violencia de xénero e de seguir avanzando cara á igualdade laboral pese á pandemia. “A loita contra a igualdade real entre homes e mulleres non debe estar supeditada ás circunstancias e a consolidación económica deberá ter en conta a perspectiva de xénero”, rematou.

Imaxes relacionadas