O delegado territorial da Xunta en Ourense reúnese cos alcaldes de Vilamarín e Piñor

O delegado territorial da Xunta destacou as obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial e aos núcleos das Quintás e da Ría, por un importe de máis de 165.000 euros en Vilamarín

Gabriel Alén sinalou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai contratar a redacción do proxecto da segunda fase da travesía do Reino en Piñor

Ourense, 24 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, continúa coa súa rolda de encontros institucionais tras tomar posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial.

Nesta ocasión, desprazouse aos concellos de Vilamarín e de Piñor, onde mantivo reunións cos correspondentes alcaldes, Amador Vázquez e José Luís González, analizando as principais demandas destes municipios en relación á Administración autonómica.

No caso do municipio de Vilamarín, os principais asuntos que repasaron foron en materia deportiva, de infraestruturas e saneamento. Neste último caso, o delegado destacou as obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial e aos núcleos das Quintás e da Ría, por un importe de máis de 165.000 euros, que xa comezaron hai uns días. Neste parque empresarial lévase investido dende a ano 2016, ao abeiro da orde da Vicepresidencia 2º destinada a parques empresariais, preto de 300.000 euros.

En canto ao concello de Piñor, Gabriel Alén tivo a ocasión de analizar xunto co seu rexedor, José Luís González, temas prioritarios para o municipio en materia ambiental e de patrimonio cultural, entre outros. O delegado sinalou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai contratar a redacción do proxecto da segunda fase da travesía do Reino. Así mesmo, destacou que Vicepresidencia primeira está a redactar o proxecto de construción dun novo albergue para peregrinos, que ascende a preto dun millón de euros, e cuxa singularidade é que contará con cabalarías para aqueles peregrinos que fagan o camiño a cabalo.

Imaxes relacionadas