Luis López anuncia que a 2ª fase da rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo rematará este verán e poñeranse no mercado para alugueiro social

A Consellería de Vivenda inviste 770.000€ na recuperación de oito casas, cunha superficie de 102 m2 cada unha, tras restaurar as zonas comúns do inmoble e outras dúas vivendas na 1ª fase cunha achega autonómica de 353.000€

O delegado supervisa as obras co xefe territorial, José Manuel González, e co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e destaca a importancia destas actuacións no municipio “para fixar poboación e facilitar o acceso a un fogar”

Cerdedo-Cotobade, (Pontevedra) 24 de febreiro de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá na localidade de Cerdedo que as obras da 2ª fase da rehabilitación das antigas vivendas dos mestres do CEIP San Xoán Bautista quedarán rematadas este verán e posteriormente comezará a correspondente tramitación administrativa por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para poñelas no mercado baixo o formato de alugueiro social.

O representante autonómico supervisou os traballos, que comezaron no pasado outono, xunto ao xefe territorial de Vivenda, José Manuel González, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Durante a visita, Luis López destacou a importancia das actuacións en materia de vivenda que se están a desenvolver no municipio, cun investimento global de máis de 1,3 millóns de euros para 14 Vivendas de Promoción Pública (VPP) entre Cerdedo e Carballedo, “xa que axuda a fixar poboación nun concello rural do interior e facilita o acceso a un fogar aos colectivos máis vulnerables”.

A 2ª fase da rehabilitación destas antigas vivendas dos mestres, emprazadas entre os números 25 e 39 da céntrica rúa das Longas de Cerdedo, ten un investimento de 770.000€ por parte da consellería e permitirá restaurar oito casas adosadas cunha superficie construída de 102 m2 cada unha e que dispoñen de salón, cociña, cuarto de baño, dous dormitorios e un pequeno xardín individual na parte traseira.

Previamente, a Xunta de Galicia acometera neste mesmo edificio unha 1ª fase, orzamentada en 353.000€, que serviu para recuperar todas as zonas comúns e as dúas primeiras vivendas, que xa están habitadas por senllas familias baixo o formato de alugueiro social.

“Tan pronto como se remate esta 2ª fase, dende o Goberno galego realizaremos a correspondente tramitación administrativa, no prazo máis breve posible, para poñer no mercado estas oito vivendas en réxime de concesión cun alugueiro moi baixo para familias en situación de vulnerabilidade nunha acción de marcado carácter social”, explicou o delegado territorial, que estima que estes fogares poderían ter os seus novos inquilinos a comezos do vindeiro ano.

“É unha actuación moi importante, xa que serve para recuperar unha zona degradada, dotala de vida e enchela de xente ao tempo que se poñen a disposición dos veciños unhas casas en moi boas condicións co propósito de axudar a que a xente se quede a vivir en Cerdedo-Cotobade”, ampliou o representante autonómico.

Ademais desta dobre actuación en Cerdedo, a Consellería de Vivenda tamén está a cofinanciar a reconversión do antigo centro médico de Carballedo en catro vivendas de carácter social. O IGVS aporta case o 50% do seu orzamento cunha achega de 192.000€ ao abeiro da liña de axudas do programa de rehabilitación de edificios de titularidade municipal.

Imaxes relacionadas