A Xunta apoia a innovación social a través de proxectos como o da empresa pontevedresa Envita para personalizar a atención ás persoas maiores

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaron esta mañá a compañía, que desenvolveu unha ferramenta para mellorar os coidados a este colectivo

A Axencia Galega de Innovación, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, apoiou este proxecto a través das aceleradoras ViaGalicia e Connect-19, así como do programa Principia para a contratación de técnicos de I+D+i

Pontevedra, 24 de febreiro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta, Luis López, visitaron esta mañá en Pontevedra a compañía Envita Digital Solutions, empresa tecnolóxica de innovación social dedicada a desenvolver ferramentas para mellorar a atención ás persoas maiores.

Patricia Argerey destacou o caso de Envita como exemplo de innovación social, no que as solucións innovadoras se aplican a atender necesidades das persoas como neste caso o coidado dos maiores. Argerey subliñou que a innovación adoita asociarse exclusivamente a innovación tecnolóxica feita por grandes empresas, cando a realidade é que calquera empresa, con independencia do seu tamaño e sector, pode e debe innovar. Precisamente visibilizar o apoio da Xunta a este tipo de innovación é o motivo que os levou a visitar hoxe a compañía.

Envita alíñase ademais coas prioridades das políticas de innovación da Xunta, en concreto, responde a un dos tres retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3): contribuír ao envellecemento activo e saudable da sociedade, e co modelo da innovación responsable que persegue reducir a fenda entre os procesos de investigación e innovación e os resultados sociais, co obxectivo de atender mellor as necesidades das persoas.

Innovación aplicada á mellora nos coidados das persoas

A empresa Envita, nacida en 2019 no contexto da atención ás persoas maiores nos centros Saraiva, identificou a necesidade de ofrecer unha atención personalizada nas residencias, onde hai múltiples axentes que interveñen no coidado de persoas con necesidades de longa duración (profesionais, familia, especialistas) e deseñou unha plataforma que permite orientar todos os procesos de coidado, ben sexa nunha residencia, no fogar ou nun centro de día, en base á historia, modo de vida e desexos da persoa, conseguindo deste xeito personalizar os coidados independentemente de quen os dispense e mellorar, por tanto, a atención.

O seu paso pola aceleradora de innovación ViaGalicia, promovida pola Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo, permitiulle desenvolver esa aplicación que posibilita a entidades do sector do envellecemento activo e do coidado a persoas maiores levar a cabo unha experiencia única, recompilando as súas historias de vida nunha plataforma dixital e logo crear un libro ebook ou en papel. Este produto, pioneiro en España na categoría BaaS (Biography as a service), recibiu un financiamento de 125.000 euros procedente de XesGalicia, Gain e VigoActivo.

Coa chegada da pandemia, Envita participou na aceleradora Connect-19 que a Xunta puxo en marcha para reducir o impacto social e económico da pandemia e adaptou as súas solucións tecnolóxicas para responder aos retos que se viron agravados pola situación, como a soidade non desexada e o cambio de modelo de coidados ás persoas maiores. A través deste programa recibiu un apoio económico de 18.500 euros. Ademais, conta con outra axuda da Xunta para a contratación dun técnico que desenvolve tarefas de I+D+i na empresa, grazas ao programa Principia 2020.

Imaxes relacionadas