Feijóo anima a preservar a obra e os valores de Rosalía de Castro, a escritora galega máis universal e “símbolo da Galicia que somos”

“Galicia é rosaliana porque Rosalía fíxonos tomar conciencia da nosa terra, da importancia do noso pobo e da relevancia de ter unha cultura e unha fala de noso. A súa obra foi a semente do bosque vizoso que é a nosa lingua”, salienta

Lembra que o galego é a nosa máis grande creación colectiva como pobo e apela ao consenso de todos para que siga sendo unha lingua viva
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe a preservar a obra e os valores de Rosalía de Castro, a escritora galega máis universal e “símbolo da Galicia que somos”.

“Galicia é rosaliana porque Rosalía fíxonos tomar conciencia da nosa terra, da importancia do noso pobo e da relevancia de ter unha cultura e unha fala de noso. A súa obra foi a semente do bosque vizoso que é a nosa lingua”, recordou, incidindo en que a autora entendeu ademais que, a nosa lingua non nos encerra nin nos limita, senón que nos proxecta e, a través dela, podemos construír unha identidade aberta e que non coñece fronteiras.

“Rosalía de Castro demostrou que hai xestas que non se constrúen sobre o poder político ou militar, senón sobre o sempre inabarcable poder da palabra”, abundou, facendo fincapé en que a semente que ela plantou deu os seus froitos a través das obras dos moitos autores que conforman a nosa literatura e que homenaxeamos cada 17 de maio, no Día das Letras Galegas, que se corresponde coa data de publicación de Cantares Gallegos.

Nesa liña, o responsable do Goberno galego asegurou que esa semente tamén floreceu de forma extraordinaria na terra fértil do noso autogoberno, grazas ao que a lingua galega recuperou o papel que lle correspondía. “Na Galicia contemporánea a visión de Rosalía pervive en moitos eidos: no interese que nos galegos de hoxe segue espertando a súa obra; nos centros de ensino, onde se estuda a súa contribución á nosa literatura; ou nas institucións galegas -como este Parlamento-, nas que a nosa lingua non volverá vivir tempos escuros”, abundou.

Feijóo concluíu aseverando que, mentres outros empregan a lingua como instrumento de confrontación, Galicia é un exemplo de convivencia lingüística. Non en van, o galego é a lingua cos índices de competencia máis elevados das comunidades con linguas cooficiais.

O presidente da Xunta concluíu lembrando que o galego é a nosa máis grande creación colectiva como pobo e apelou ao consenso de todos para que siga sendo unha lingua viva.
 

Imaxes relacionadas